18 dec 2014

Nava Castro destaca a gran importancia e recoñecemento que está a alcanzar a ruta xacobea no acto de constitución da Asociación Parlamentaria Amigos do Camiño de Santiago

A Asociación estará integrada por deputados e senadores de todos os grupos parlamentarios e terá a finalidade de poñer en valor a ruta xacobea e servir de vínculo de coñecemento, apoio e colaboración entre todas as comunidades polas que discorre.

Nava Castro salientou a aposta de Turismo de Galicia pola revitalización e dinamización do Camiño respectando a súa conservación e preservando os seus recursos culturais e patrimoniais.

Nesta liña, destacou grandes actuacións nas que Turismo de Galicia está inmerso para impulsar o Camiño de Santiago dun xeito sostible como o Plan Director do Camiño de Santiago, o proxecto Smart Camiño ou a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos entre outras.

A directora de Turismo, co presidente do Congreso, José Posadas e os diputados da Asociación.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte no acto de constitución da Asociación Parlamentaria Amigos do Camiño de Santiago que foi presidido polo presidente do Congreso de Deputados, Jesús Posada. O acto contou tamén coa participaron do presidente do Senado, Pio García-Escudero, outros deputados de diferentes grupos parlamentarios, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e diversos representantes das Asociacións de Amigos do Camiño.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que a constitución desta Asociación Parlamentaria de Amigos do Camiño de Santiago é unha mostra máis da grande importancia e recoñecemento que está a alcanzar a Ruta Xacobea. Neste senso, destacou outros grandes recoñecementos internacionais, como a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO ou a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, que converten ao Camiño de Santiago nun itinerario de referencia a nivel mundial.

A Asociación Parlamentaria de Amigos do Camiño de Santiago, que estará integrada por deputados e senadores de todos os grupos parlamentarios, xurde co obxectivo de poñer en valor a Ruta Xacobea e constituír un vínculo de coñecemento, apoio e colaboración entre as Comunidades Autónomas e as poboacións polas que transcorre. Deste xeito, esta iniciativa contribuirá a preservar e divulgar este enorme patrimonio.

Máis de 236.000 peregrinos recibiron a Compostela no que vai de ano, un aumento en relación ao mesmo período do ano pasado de máis do 10%. Ademais a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais. No que vai de ano máis de 123.000 peregrinos foron estranxeiros, o que supón máis do 52% do total. Neste sento, a directora de Turismo de Galicia destacou que “o Camiño de Santiago é, sen dúbida, o produto turístico estrela de Galicia e a súa icona máis universal”. “Constitúe a nosa carta de presentación no mundo e é un potente elemento diferenciador para Galicia”, afirmou.

Nava Castro incidiu en que desde Turismo de Galicia estase traballando na revitalización e dinamización da Ruta Xacobea pero sempre tendo en conta a súa capacidade e preservando os seus recursos patrimoniais e culturais. “Dende Turismo de Galicia somos plenamente conscientes dos desafíos de sostibilidade ambiental, sociocultural e económica que leva consigo o continuo aumento do número de peregrinos”.

Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia explicou que estase a traballar no Plan Director do Camiño de Santiago que servirá para que o desenvolvemento e crecemento do mesmo se realice de forma equilibrada, sostible e respetuosa co carácter do fenómeno xacobeo. “Así, a través de dous instrumentos de xestión, un Plan Director e un Plan Estratéxico, se revitalizará e promoverá o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas e da súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial”, explicou Nava Castro.

Así mesmo, a directora galega de Turismo explicou outras grandes actuacións nas que Turismo de Galicia está inmerso para impulsar o Camiño de Santiago dun xeito sostible. Así, destacou o proxecto Smart Camiño, a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ou a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, entre outras.

“Apostamos pola revitalización e dinamización do Camiño de Santiago para non perder esa esencia que encandea ano tras ano a numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións internacionais pero desenvolvéndoo dun xeito sostible e atendendo a súa capacidade de carga”, concluíu Nava Castro.

Arriba