01 xuñ 2015

Traballo voluntario, investigación e colaboración, os eixes sobre os que xirará o primeiro encontro mundial en Galicia de asociacións do Camiño

A cita contará con asistentes dos cinco continentes e espera converterse nun gran foro de debate sobre as diferentes Rutas Xacobeas.

Turismo de Galicia busca, desta forma, homenaxear e agradecer o esforzo por defender e promover o Camiño ás asociacións de todo o mundo.

O primeiro Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrará os próximos 4, 5 e 6 de xuño, reunirá en Santiago de Compostela a representantes de 28 países e todos os continentes.

O congreso ten dous claros obxectivos: homenaxear a todas as persoas que voluntariamente achegan traballo e ideas para coidar e potenciar as diferentes rutas e xerar un espazo de diálogo internacional no que todas as organizacións poidan entrar en contacto e compartir experiencias. Turismo de Galicia mantén así a súa aposta polo Camiño de Santiago, un dos mellores escaparates para Galicia fóra das súas fronteiras, que reporta á comunidade unha sólida promoción internacional baseada na historia, o ámbito natural e un rico crisol de culturas.

No programa dos tres intensos días nos que se celebrará a reunión, trataranse temas tan importantes como a "Investigación, recuperación e conservación do Camiño", os "Retos do presente e orientacións de futuro" ou a "Acollida e hospitalidade" nas diferentes vías. Así mesmo, poñerase o acento en dous asuntos claves como son as "Relacións das asociacións do Camiño de Santiago coas institucións e a sociedade" e a “Comunicación, difusión e publicacións". As páxinas webs, blogs e revistas que existen sobre esta temática en todo o mundo constitúen unha verdadeira rede de información para os amantes do espírito Xacobeo e un estímulo para que tantos peregrinos se animen a comezar o seu camiño.

Participarán no encontro relatores de diversas nacionalidades cunha recoñecida traxectoria no seu campo, que trasladarán o seu punto de vista a un aforo que está a punto de completarse xa. Así, o programa é un programa global de experiencias, no que se contempla a intervención de moitos profesionais e voluntarios de sectores totalmente diferentes.

Non faltarán tampouco nesta cita os momentos de ocio e espiritualidade. Os asistentes ao encontro poderán gozar de visitas guiadas e excursións e degustar a gastronomía galega, que terá tamén o seu oco na axenda.

 

"Amigos do Camiño: Hospitalidade, Investigación, Difusión"
Para completar a programación da cita, dende o 4 e ata o 12 de xuño, estará aberta ao público a exposición "Amigos do Camiño: Hospitalidade, Investigación, Difusión" no Centro Social ABANCA na Praza Cervantes de Santiago de Compostela.

Turismo de Galicia resalta así, de forma visual e moi didáctica, as tres características básicas que resumen o espírito do encontro e á súa vez os eixes sobre os que xira a achega das Asociacións de Amigos do Camiño.

Arriba