15 xul 2015

Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte asinan un acordo para a promoción da vela na Comunidade galega

O dous departamentos da Xunta de Galicia cofinanciarán o desenvolvemento da Liga de monotipos J70/J80 que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro.

Nesta competición, que ten como un dos principais obxectivos a desestacionalización desta práctica deportiva, participarán oito clubs náuticos de Galicia.

Nava Castro lembra que o litoral galego é o que conta con máis instalacións náutico- deportivas certificadas co distintivo Q de Calidade turística.

José Ramón Lete Lasa cualifica o sector náutico como catalizador do sector turístico galego.

Nava Castro e José Ramón Lete, na sinatura do acordo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron un acordo de colaboración entre os dous departamentos que dirixen co obxectivo de promover o deporte da vela na Comunidade galega a través da celebración da ‘Liga de monotipos J70/J80 Xunta de Galicia’ que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro en todo o litoral galego e que contará coa participación de oito clubs náuticos galegos coa posibilidade de que se adhira algunha outra destas institucións antes de comezar a primeira proba.

Neste acto de sinatura, no que tamén participaron o presidente da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia-ASNAUGA, Javier Ruíz de Cortazar, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, estiveron presentes os responsables das instalacións náuticas que colaborarán con esta iniciativa: Monte Real Club de Iates de Baiona, Real Club Náutico da Coruña, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico de Vigo e o Club Marítimo de Canido.

Polo que respecta ao desenvolvemento da proba, a liga contará con máis de dez regatas co obxectivo de desestacionalizar o deporte da vela en Galicia e favorecer a súa práctica ao longo de todo o ano.

Calidade das instalacións
Na súa intervención tras a sinatura do acordo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse ás óptimas condicións do litoral galego para o desenvolvemento dos deportes náuticos, e neste sentido indicou que xunto á cantidade de instalacións e recursos naturais, está a calidade, xa que “Galicia é a comunidade autónoma con máis bandeiras azuis de España”, con 131 praias distinguidas e 19 portos deportivos, ao que a directora engadiu os 16 sendeiros e os 14 centros azuis distribuídos ao longo da costa galega.

Neste eido, Nava Castro lembrou tamén que a Comunidade galega é líder en España canto a instalacións náutico- deportivas certificadas co Q de Calidade turística xa que Galicia acapara o 65% de todos os portos deportivos españois distinguidos con este selo de calidade.

Segundo manifestou a titular de Turismo de Galicia, ambos os recoñecementos outorgan unha carta de presentación de excelentes características e condicións tanto no ámbito nacional coma no internacional e así, “podemos subliñar que tanto a nosa costa como as instalacións e infraestruturas náuticas que nela se asentan son as axeitadas para converter a práctica de actividade náutica e os deportes acuáticos nun factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”.

Para Nava Castro, co programa de actividades que se desenvolverá grazas a este acordo, ábrese unha novas oportunidades para a práctica do turismo activo “que agrandará o atractivo da oferta turística nas diferentes zonas costeiras”.

Por último, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao Plan integral de turismo de Galicia e manifestou que ese acordo está en consonancia coas accións propostas neste documento relacionadas coa diversificación da oferta turística das praias e a promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos en temporada baixa.

Ademais, salientou que que con ese acordo, e grazas á cooperación interadministrativa, “crearanse sinerxías para difundir os atractivos turísticos costeiros e en especial os relacionados coa vela, potenciando os recursos endóxenos e así acadar un desenvolvemento sustentable do noso litoral”.

Sector estratéxico
Por outra parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, lembrou a boa relación entre Galicia e a náutica, mencionando os éxitos acadados por este deporte no eido da competición.

“Seis ouros olímpicos, dos que catro débenselle á vela, a organización de competicións náuticas de primeiro nivel” e a existencia de primeiras figuras, así como de indiscutibles promesas, salientan o nivel de Galicia, segundo José Ramón Lete, neste deporte.

Así, o secretario xeral para o Deporte manifestou a disposición da Xunta de Galicia para que esta progresión continúe e engadiu que a náutica “esixe e merece que as administracións continuemos afondando no seu apoio a este sector de importancia estratéxica para os eidos deportivo e turístico de Galicia”.

Un sector, remarcou, que a través da súa actividade funciona coma un catalizador para o sector turístico galego, “e que conta con 128 portos deportivos, o talento dos deportistas e a inestimable acción dos axentes deportivos, claves nese desenvolvemento que son o clubs náuticos”.

Arriba