Turismo de Galicia promociona o golf a través do Circuíto Sénior
O campo de La Barganiza, en Asturias, acolleu unha rolda da proba golfista organizada pola entidade de promoción turística da Xunta de Galicia.
A fase final celebrarase no campo Oca Augas Santas Balneario Club Resort o vindeiro mes de outubro.
O campo de golf de La Barganiza, en Asturias, acolleu a quinta proba clasificatoria do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia, organizado polo departamento de promoción turística da Xunta de Galicia, e que este ano se celebra en seis comunidades autónomas.
Este torneo, no que participan homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por quinto ano consecutivo e conta cunha fase clasificatoria que se desenvolve en cinco campos de golf doutras tantas comunidades autónomas españolas. A fase final terá lugar no campo de golf Oca Augas Santas Balneario Golf Resort, en Ferreira de Pantón, os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.
Canto á fase clasificatoria, os campos e comunidade autónomas elixidos para a súa celebración, ademais de La Barganiza, en Asturias, foron La Herrería, en Madrid, Golf Ulzama, en Navarra –que a acolleu a proba clasificatoria o día 12 de maio– o Real Club de Golf de San Sebastián –o 28 de maio– e o Club de Golf de Pedreña de Cantabria –o pasado 9 de xullo–.
Estas probas clasificatorias, nas que está previsto que participen uns 500 golfistas sénior, desenvolveranse pola modalidade de stableford scratch e hadicap individual e os xogadores que queiran participar deberán ter o cartón federativo en vigor na data de celebración da competición, cun límite de hándicap de xogo de 26,4, para homes, e 36,4 para mulleres.
Plan integral de Turismo de Galicia
O Plan Integral de Turismo de Galicia reflicte a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.
Por iso, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxias con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.
Deste xeito, entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf, e tamén a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.