31 xul 2015

Galicia rexistra no mes de xuño o incremento de viaxeiros e pernoitas mais elevado do conxunto do Estado

O número de viaxeiros aloxados en establecementos regrados o pasado mes de xuño supera en preto dun 17% o do mesmo período do xacobeo 2010.


En relación ao mesmo mes do ano 2014, os viaxeiros rexistrados en establecementos regrados medraron un 21,2% e as pernoitas un 17%, fronte ao 4,5% e o 1,6% da media nacional.

Os mercados emisores internacionais marcaron un máximo histórico na Comunidade galega o pasado mes de xuño, tiveron unha suba do 22,8% no ámbito dos viaxeiros rexistrados e un 18,9% nas pernoitas.

No primeiro semestre de 2015, a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de Galicia subiu un 13,5% e as pernoitas medraron un 9,6%.

Nestes primeiros seis meses do ano o volume de viaxeiros supera nun 2,8% ás cifras rexistradas no mesmo período do último Ano Santo.

Gráfico da evolución de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de Galicia.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de xuño Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 21,2%, en relación ao mesmo período do ano anterior, ata situarse en 490.499. Esta cifra supera nun 16,9% a do mes de xuño do ano 2010, cando se celebrou o último Ano Xacobeo. Ademais, soben tamén as pernoitas en relación ao mes de xuño de 2014 nun 17%, contabilizándose 918.239 no conxunto de Galicia

Neste ámbito, a Comunidade galega lidera o incremento da media nacional, tanto polo que respecta á cifra de visitantes rexistrados en establecementos regrados como á suba de pernoitas.

Así, A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que con taxas de variación inferiores ás de Galicia, do 4,5% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 1,6% no que atinxe ás pernoitas.

O incremento da demanda prodúcese polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia sobe un 16,2% no tocante as pernoitas e un 20,4% no que atinxe aos viaxeiros.

O incremento das pernoitas do turismo nacional prodúcese nas dúas grandes tipoloxías de aloxamento regrado. En particular, sobe un 10,7% nos establecementos hoteleiros e un 45,6% nos extrahoteleiros.

Pola súa parte, o mercado internacional acada un forte crecemento alcanzando máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados con 176.023 como de pernoitas con 267.513. Deste xeito, os viaxeiros estranxeiros crecen un 22,8% e as pernoitas nun 18,9%.


O crecemento do turismo internacional no segmento hoteleiro é do 18,1% e do 25,4% no extrahoteleiro.

O mellor comportamento relativo do mercado internacional sobre o nacional eleva o peso do primeiro sobre o conxunto da demanda regrada en 0,48 puntos, ata situarse no máximo histórico do 29,1% en relación as pernoitas.

Tipoloxías de aloxamento
O incremento da demanda prodúcese en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas.

No segmento hoteleiro o crecemento dos viaxeiros sitúase no 18,7% e, en relación ás pernoitas, os establecementos hoteleiros aumentaron un 12,9% en relación a xuño do pasado ano.

Por outra banda, no segmento extrahoteleiro a suba dos viaxeiros sitúase no 44,6%. Os viaxeiros soben un 61,2% en campings, un 46,1% en apartamentos turísticos e nun 22,7% en turismo rural.

As pernoitas nestes establecementos extrahoteleiros aumentaron nun 41,3%. Os campings son o tipo de aloxamento que ten un incremento maior neste mes de xuño cunha variación interanual do 51,4%.

O incremento da demanda conleva en todas as tipoloxías de aloxamento unha mellora dos niveis de ocupación. Tal circunstancia faise máis notoria nos hoteis onde a ocupación sobe 4,69 puntos porcentuais neste mes de xuño e nos apartamentos turísticos, que se incrementa en 4,57 puntos porcentuais.

Acumulado do ano
No primeiro semestre deste ano produciuse un crecemento global da demanda turística nos establecementos regrados de Galicia, que levou á nosa comunidade autónoma a situarse á cabeza do crecemento turístico no conxunto do Estado.

Así, a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 13,5% ata alcanzar 1.741.483 viaxeiros, cifra que supón incrementar nun 2,8% o dato do mes de xuño do último Ano Santo 2010.

O número de pernoitas incrementouse nun 9,6% acadando 3.172.734 noites. Esta cifra é a máis elevada dos últimos cinco anos.

No ámbito estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados sobe un 5,9% mentres que as pernoitas increméntanse un 3,1%.


Polo que respecta a os distintos mercados turísticos, observase neste semestre un comportamento positivo dos dous grandes segmentos de mercado, contribuíndo ambos ao crecemento xeneralizado da demanda.

Así, sobe o turismo nacional, nun 8,3% no tocante as pernoitas e nun 11,4% no que atinxe aos viaxeiros, mentres que o turismo internacional increméntase nun 14,1% no tocante ás pernoitas e os viaxeiros soben nun 19,2%.

Esta mellora supón que o mercado internacional tanto no tocante a viaxeiros como a pernoitas en Galicia alcanza un máximo histórico, con 504.973 viaxeiros e rozando as 784.000 pernoitas.

Estas cifras dan lugar a un máximo histórico tamén no peso do mercado internacional no primeiro semestre do ano, que acada o 24,7%, un punto máis que no primeiro semestre do 2014.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas, destacando o incremento producido nos cámpings do 42,1% en viaxeiros e do 45,1% en pernoitas.

O incremento da demanda tradúcese na mellora dos niveis de ocupación m en todas os tipos de aloxamento considerados, destacando por intensidade a suba rexistrada nos hoteis, no que mellora en 2,48 puntos porcentuais o dato do pasado ano.

Arriba