18 set 2017

O concello pontevedrés de Valga contará cun Centro de Interpretación da Caña do País impulsado por Turismo de Galicia

 A directora de Turismo, Nava Castro, e o alcalde de Valga, José María Bello, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinaron un convenio de colaboración para poñer en valor este recurso

Nava Castro salientou o potencial turístico desta comarca da man de produtos gastronómicos como a anguía e a augardente, que atraen a milleiros de visitantes

Ao abeiro deste convenio, a Xunta tamén mellorará o edificio que alberga o seu Belén en Movemento para velar pola conservación de todas as súas pezas artesanais

 

 O concello pontevedrés de Valga contará cun edificio especificamente dedicado á posta en valor dun dos recursos gastronómicos e turísticos máis destacados desta comarca, as súas augardentes, coa creación do Centro de Interpretación da Caña do País.

Así se desprende do convenio asinado entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde desta localidade, José María Bello, en virtude do cal a Xunta se encargará de sufragar o total das obras de acondicionamento e rehabilitación do edificio que se dedicará a este fin, coa intención de impulsar este recurso turístico.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, Nava Castro salientou o compromiso do seu departamento por potenciar a gastronomía deste destino “porque sabemos que, xunto á anguía, a augardente é un recurso clave que atrae a milleiros de visitantes, como demostra o seu popular concurso da mostra de caña do país e a súa festa declarada de interese turístico de Galicia”, indicou a responsable de Turismo da Administración autonómica.

O convenio asinado hoxe tamén inclúe o compromiso de Turismo de Galicia con outro recurso de Valga, o seu Belén Artesanal en movemento, que consegue atraer ano a ano a un gran número de visitantes seducidos pola súa orixinalidade. Con máis de 20 anos de historia, está consolidado como unha das composicións de Nadal máis espectaculares de Galicia, polas súas dimensións e particulares características.

Belén artesanal en movemento

En 2013 outorgóuselle o recoñecemento de interese turístico e, dous anos máis tarde, ampliouse o local que o alberga e tamén se colaborou na preparación e decoración do teito do Belén. Turismo de Galicia dá agora un paso máis e, en virtude do convenio asinado hoxe, instalarase unha climatización no edificio, de maneira que se garanta a conservación de todos os seus elementos artesanais.

Para ambas actuacións –a creación do Centro de Interpretación da Caña do País e as melloras no edificio do Belén Artesanal- a Xunta de Galicia aportará preto de 150.000 euros, o que suporá o 100% do investimento necesario para estes traballos.

“Transformamos en feitos os nosos compromisos, que recollemos na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego elaborada man a man co sector, coa que se está acompañando o crecemento sustentable do número de viaxeiros e a consolidación dun destino cada vez máis competitivo”, indicou.

Potencial gastronómico

Unha Estratexia, ademais, da que se están a recoller os primeiros froitos nestes primeiros meses do ano, cando Galicia rexistrou máis de 2,7 millóns de viaxeiros e máis de 5,35 millóns de pernoitas. Moitos deles no xeodestino da Ría de Arousa, no que se inclúe Valga, onde, nos sete primeiros meses do ano, a cifra de viaxeiros aloxados medrou un 19%, rexistrándose un total de 260.000 viaxeiros aloxados. Tamén medrou o volume de pernoitas, neste caso un 22%, con 726.000 noites.

Durante a súa visita ao concello de Valga, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tamén participou na entrega dos premios da cuarta edición da Ruta da tapa á anguía, que se está a consolidar como un perfecto escaparate gastronómico da comarca e que, como indicou, “demostra a calidade dos nosos produtos e tamén dos nosos profesionais que achegan o mellor da cociña galega a todos os públicos”.

 

Arriba