Nava Castro salienta o papel do belén artesanal en movemento de Valga como atractivo da provincia de Pontevedra no Nadal
É un dos dous nacementos do Nadal que contan co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia, distinción que comparte co do concello lucense de Begonte
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou o Belén Artesanal en Movemento de Valga, un dos dous de Interese Turístico de Galicia, que cada ano reforza o seu papel como atractivo da provincia de Pontevedra durante o Nadal. O deste ano conta con máis de 4.500 pezas e combina figuras tradicionais, con alusión aos oficios galegos, e tamén referencias á actualidade do ano.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia de Turismo, vén colaborando con diferentes accións para o seu mantemento coa instalación dunha climatización que garante a conservación adecuada dos seus elementos artesanais. Este belén forma parte dos diferentes nacementos que se suceden durante estas semanas por toda a xeografía galega e que permite facer todo un itinerario percorrendo as catro provincias, demostrando por que Galicia tamén mantén o seu atractivo durante estas datas.
A ruta de beléns pola provincia de Pontevedra complétase con beléns en Gondomar ou Mos; co que se pode visitar na Catedral de Tui ou ou belén monumental da cidade de Vigo, entre outros moitos. Na Coruña, por exemplo, destacan, o Belén da Gran Obra de Atocha, a escala do mapa de Xerusalén; en Ferrol, o belén da Orde Terceira ou en Santiago de Compostela, na Catedral ou na Igrexa de San Fiz. En Lugo, son tradicionais o Belén Electrónico de Begonte ou o de Viveiro que se completan co de Ourense, co seu tradicional belén de barro cocido de Arturo Baltar, entre outras moitas propostas.