15 mai 2025

Galicia Calidade repasou en Ourense a súa traxectoria como símbolo de identidade e motor económico galego

Galicia Calidade foi protagonista en Ourense durante a celebración do foro “Galicia Calidade, a nosa marca, a nosa identidade”, un encontro que reuniu a destacadas empresas certificadas por este selo de garantía, referentes en sectores crave como a gastronomía, o turismo, o sector vitivinícola e a xoiería.

O evento serviu para facer repaso da historia e traxectoria de Galicia Calidade. A xornada contou coa intervención principal de Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, organismo dependente de Turismo de Galicia, quen recordou a forza da marca como símbolo de identidade, orgullo colectivo e motor económico para Galicia.

“Galicia Calidade, dúas palabras que unidas resumen o que somos como galegos e o noso bo facer”, afirmou Ana Méndez durante a súa presentación, lembrando as orixes de Galicia Calidade en 1991 e como evolucionou ata converterse “na marca de garantía máis importante e máis recoñecida de todo o Estado”.

Méndez destacou que Galicia Calidade representa actualmente un modelo de desenvolvemento multisectorial que reforza o posicionamento de Galicia como marca país. “Estamos nun bo momento, no que desde a Xunta se aposta e se cre no poder deste selo de garantía e nos beneficios que lle pode aportar a todos os produtos e servizos certificados e tamén a Galicia como marca país de promoción”, subliñou.

Así mesmo, quixo poñer en valor o protagonismo de Ourense dentro deste ecosistema económico, lembrando que “a achega das empresas de Galicia Calidade ao PIB da provincia supuxo o 33% do total, e o 41,1% de xeración de emprego de toda Galicia, grazas ao impulso de compañías como Coren e Cupa Group”.

Empresas que apostan pola excelencia galega

Tras a presentación da marca a cargo da xerente, tivo lugar o espazo “Conversas Galicia Calidade”, no que empresarios de referencia compartiron a súa experiencia coa certificación. Participaron Juan Luis Méndez, CEO de Vinigalicia e Adegas Méndez Rojo; Jesús Picallo, propietario do Semáforo de Fisterra, Faro de Lariño e Hotel Banco Azul; Héctor López, chef do Restaurante España; e Katuxa Platero, deseñadora de xoias e fundadora de Katuxa.

A través das súas intervencións, expuxeron como a certificación Galicia Calidade supuxo un valor diferencial para os seus negocios, reforzando a confianza do consumidor, impulsando a internacionalización e consolidando Galicia como un territorio de excelencia, autenticidade e compromiso coa sustentabilidade. Desde o sector vitivinícola, pasando pola hostalería, o turismo e a xoiería, todos coincidiron na importancia de contar cunha marca de garantía que proxecte ao exterior o mellor do saber facer galego.

O encontro concluíu cunha degustación de produtos Galicia Calidade, na que os asistentes puideron comprobar a diversidade e a calidade da oferta certificada, poñendo o broche a unha xornada na que se reafirmou que Galicia Calidade é moito máis que un selo: é a marca que une tradición, innovación e futuro.

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade, integrada en Turismo de Galicia, é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración na comunidade, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta, a maio de 2025, con 179 empresas adheridas e un total de 885 produtos e servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Arriba