A Xunta destaca a travesía marítima ‘Camiño de Santiago a vela’ como polo de atracción do turismo náutico na comunidade
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde en Gijón, na sinatura do protocolo de irmandade das localidades nas que recala a iniciativa turística Camiño de Santiago a vela, unha travesía marítima impulsada pola asociación Northmarinas desde hai dez anos que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Alí destacou a pegada que este itinerario deixa nos que se animan a completala e que supón “un impulso ao modelo de turismo sostible e desestacionalizado que promovemos desde a Xunta”, dixo.
Tal e como explicou Martina Aneiros, o protocolo de colaboración ten por obxectivo fortalecer a cooperación entre as preto dunha vintena de localidades nas que recala esta travesía, entre as que se atopan os municipios de Ferrol e Cedeira, e promover o crecemento do sector náutico a través desenvolvemento de actividades socioculturais, turísticas e deportivas vinculadas co mar e os portos, especialmente os da zona norte de España.
A sinatura do protocolo fíxose coincidir cunha das etapas de descanso desta travesía internacional que partiu a comezos de mes desde La Rochelle, en Francia, navegando por toda a costa norte de España desde Hondarribia, pasando polas localidades de Getaria, Bermeo, Bilbao, Santander ou Ribadesella. Terá unha duración de 27 días, repartidos en 17 etapas de navegación e 10 xornadas de descanso. A última etapa ata Santiago de Compostela realizarase a pé.