O certame ‘Sete Cidades, Sete Sabores’ afianza a oferta gastronómica como elemento desestacionalizador do turismo urbano de Galicia
A importancia da gastronomía como elemento tractor para o turismo púxose de relevo na IX Gala Showcooking Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores, celebrada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Organizada por Turismo de Galicia, o certame serviu para elixir ao mellor cociñeiro de tapas deste ano na comunidade ao tempo que afianza a oferta gastronómica como elemento dinamizador e desestacionalizador do turismo urbano das sete principais cidades de Galicia.
A gala busca “dar visibilidade á oferta gastronómica da comunidade”, en palabras do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que destacou como os distintos petiscos “sintetizan toda a creatividade dos nosos cociñeiros e cociñeiras” e “proban que Galicia sabe respectar a súa tradición culinaria para amplificala e mellorala, e tamén, cando é necesario, diversificala”.
O director da Axencia puxo en valor a importancia de iniciativas como os concursos de tapas no contexto do turismo urbano. “A busca de novas experiencias culinarias constitúe unha importante motivación para as persoas que visitan a nosa terra”, subliñou, avaliando o carácter desestacionalizador de propostas deste tipo. “A iniciativa sintetiza a cultura gastronómica da comunidade nas súas sete principais localidades para poñer ademais en valor o turismo urbano e os seus recursos culturais, patrimoniais e históricos”.
Merelles incidiu, ademais, no peso do turismo urbano dentro da comunidade ao sinalar que, en 2024, o 46 % da demanda hoteleira de Galicia correspondeu a destinos deste tipo. No referente á estacionalidade, lembrou que o turismo urbano ascende ao 60 % en tempada baixa, o que “proba a importancia de apostar por produtos turísticos que amplifiquen a experiencia das persoas visitantes, como poden ser estes concursos de tapas”.
A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, terá continuidade despois dos meses de verán, en outubro coa presentación das sete tapas a cargo dos sete chefs na cidade portuguesa de Porto.
Premios
Durante a gala entregáronse dous galardóns. Un xurado técnico composto por cinco profesionais do sector valorou aspectos como a execución, a creatividade ou a presentación para o seu recoñecemento. Ademais, outorgouse un premio do xurado popular, elixido entre as persoas asistentes durante a gala.
Os participantes foron: Alejandro Ferreiro, de O Sendeiro (Santiago de Compostela) con ‘Bonito, millo e lagostino’; Vicenzo Amaddeo, de AMA Italiana Contemporánea (A Coruña), con ‘Ravioli recheo de chourizo ceboleiro’; Álex Martínez e Mar Lago, de BaceLo (Ferrol), con ‘Os Polos Opostos’; Daniel Bastos, de La Marciana (Vigo), con ‘Ondas do mar’; Rubén González, de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra), con ‘Tomatún’; Paco Gómez, de Pulpería Asador A Feira (Ourense), con ‘Gamba na corte’; e José Luis Pardo, de Orixe do Campo (Lugo), con ‘Petisco larpeiro’.