10 xul 2025

Xosé Merelles defende un modelo de turismo profesionalizado, no que a comunicación ten un papel esencial

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na illa da Toxa no encontro ‘Galicia Economía Aberta', organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA). Xosé Merelles formou parte dunha mesa do Clúster da Comunicación, no que compartiu espazo coa DirCom de Profand,  María Montero;  co director de marketin de Bodegas Martín Códax, Jorge Pallarés, e co director creativo de Recados Carmen, Isaac González.

En concreto, o director da Axencia referiuse á Estratexia de Turismo de Galicia 2030 para explicar os eixos principais a través dos que se está a posicionar Galicia como destino cunha narrativa propia, que a Estratexia canaliza en 64 medidas arredor de oito eixos, dotadas cun orzamento de 1.000M€ ata 2030. “Estamos impulsando un turismo auténtico e sostible”, defendeu, poñendo o foco no incremento dos niveis de rendibilidade e competitividade.

Xosé Merelles aludiu a un modelo “cada vez máis desestacionalizado, diversificado, desconcentrado e que xera riqueza, como unha das actividades económicas máis importantes da Comunidade autónoma”, indicando que o turismo ten un peso de case o 11% do PIB de Galicia. Nesta liña, destacou a importancia da sustentabilidade integral da oferta. Ademais, incidiu na necesidade de “reforzar a percepción da poboación galega sobre o turismo como un elemento que xera riqueza”, así como na importancia dun sector profesionalizado, con talento propio de calidade. Outro dos elementos esenciais da Estratexia é a dixitalización, co foco posto no referente á intelixencia turística.

Ademais, destacou a importancia da comunicación ao aludir ao Plan de Promoción Turística 2025, composto por máis de 130 accións a desenvolver por todo o mundo. O Plan, dotado con 13M€, busca chegar a máis de 30 mercados a través da presenza de Galicia en feiras sectoriais, viaxes de familiarización, campañas e outras iniciativas.

O director de Turismo de Galicia gabou o bo comportamento do sector entre xaneiro e maio de 2025, meses durante os que recibiu            2,15M viaxeiros, un 3,8% máis que no mesmo período de 2024, que fixeron un total de 3,53 M noites, un 2,6% máis. Ademais, destacou a importancia do sector no contexto laboral da comunidade ao referirse as cifras récord de emprego no sector turismo, que subiu un 2% interanual e supera os 84.000 afiliados. De cara ao verán, a tendencia mantense, cun incremento do 9% nas reservas de voos internacionais e una previsión de ocupación hoteleira de entre o 75% e o 90%.

Arriba