IGREXA PARROQUIAL DE SANTIAGO DE LAVANDELO

Relixioso
867
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Lavandelo (Santiago)

Lugar: Arxona

27568  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 48' 42.0" N - 7º 48' 38.0" W

Descrición

Esta igrexa foi realizada de forma case íntegra en cachotería de granito e posúe cuberta de tella a dúas augas. De pequenas dimensións, ten nave rectangular e ábsida cadrada, con sancristía apegada ao alzado norte do presbiterio. Resulta curioso o van trazado nun dos muros da sancristía para poder introducir as esmolas. 
Segundo a lenda popular esta igrexa está “proscrita”, pois nela mataron o seu párroco despois que o señor de Penas lle pedira que non comezase a misa ata que el chegara da súa xornada cinexética. Cando regresou, o cura estaba oficiando o sacramento porque se fixera moi tarde e o nobre disparoulle. Dende aquela non se volveu celebrar misa os domingos. 
No terreo ao pé do camposanto, nunhas labores de cultivo, apareceron algúns sartegos medievais escavados na rocha, que volveron a ser cubertos de terra.
O arco triunfal que separa a nave da ábsida é de medio punto.
Coma tantas outras igrexas do rural foi asaltada polos amigos do alleo que roubaron a imaxe do patrón Santiago, igual que aconteceu co cruceiro parroquial. A finais do século XX encargouse outra cruz para o lugar que un día ocupou a primitiva. 

Acceso

En Monterroso tomar dirección a Lugo. A 1,3 km. tomar pista á esquerda. A 5 km está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba