17 xuñ 2013

O Centro BTT do Salnés ábrese aos empresarios turísticos da comarca

Turismo realizou unha presentación dirixida a empresarios turísticos e técnicos especializados sobre o Centro BTT do Salnés, unha instalación que leva recibidos oito mil usuarios e que ofrece servizos e información sobre rutas para a práctica do ciclismo de montaña.

 
 

A práctica do turismo experiencial e a oportunidade de complementar o deporte coa oferta gastronómica, cultural e paisaxística de Galicia xera un interese adicional para os viaxeiros.

 

O Centro BTT do Salnés, en servizo desde hai dous anos.

O Auditorio de Meis acolleu unha presentación sobre o Centro BTT O Salnés na que interveu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Ademais, participaron Carmen Pita, a directora-xerente de Turgalicia; Ruth González, representante de Turismo Rías Baixas; e mais Agustín Martín Hermida, responsable da Oficina Técnica dos Centros BTT Galicia.

 

Ademais dos alcaldes da zona, asistiron á presentación técnicos de turismo e empresarios turísticos. A directora de Turismo de Galicia explicou que o feito de contar en Galicia cun circuíto deseñado especificamente para a utilización da bicicleta de montaña é froito da aposta do Goberno galego por desenvolver o turismo sostible e por incentivar a práctica deportiva como un novo xeito de coñecer o destino. Segundo explicou, o desenvolvemento sostible do turismo fai posible responder á demanda do turismo experiencial, ao tempo que se preserva o medio ambiente.

 

“A creación de sinerxías a través da preservación do medio e do patrimonio para o seu uso turístico, desencadea factores positivos en canto a incremento de negocio e proxección de novos mercados”, recalcou Nava Castro. Segundo explicou, a práctica deportiva asociada ao turismo enriquece a experiencia dos visitantes e axuda a coñecer o destino dende outra óptica.

A práctica do ciclismo de montaña incentiva o contacto coa natureza, a primeira motivación dos turistas á hora de elixir Galicia como destino. Ademais, o destino permite compaxinar o deporte co coñecemento de elementos arquitectónicos, patrimoniais e paisaxísticos e co goce da singular oferta gastronómica da zona.

 

A directora de Turismo incidiu no feito de que este ano La Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia e isto suporá unha gran oportunidade para amosar algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino aos miles de espectadores deste gran evento deportivo.

Do mesmo xeito, recalcou o feito de que Galicia é un destino “que se distingue pola calidade, que busca a diferenciación e que é líder en Bandeiras Azuis e mais en Sendeiros Azuis en todo o Estado”.

 
O Centro BTT O Salnés


O Centro BTT do Salnés presta a función de apoio aos usuarios que practican ciclismo de montaña e aporta servizos como alugueiro de bicicletas, vestiarios, duchas ou información puntual sobre os percorridos e sobre os seus niveis de dificultade.Conta con dez rutas que suman máis de cen quilómetros, teñen entre 7 e 18 quilómetros cada unha. Seis delas son circulares e catro lineais. As rutas circulares son o Circuíto do Monte da Escusa, a Ruta dos Outeiros de Silván, o Circuíto do Val de Meis; a Ruta da Chanca; a Panorámica do Monte Castrove e mais o Circuíto de Campo Ladrón. As rutas lineais que se poden facer son a Ruta dos Muíños de Armenteira; a Ruta do Monte San Martiño; a Ruta de Bordóns e as Vistas de Arousa.

 

As rutas poden entrelazarse e conformar unha xornada BTT completa. Pode accederse aos diferentes percorridos dende o propio Centro BTT ou dende o Mosteiro da Armenteira ou a Área recreativa de Santo Domingo de Nogueira.

 

Toda a información sobre o centro e as rutas pode descargarse en www.turgalicia.eshttp://www.xunta.es/tema-portal-xunta/images/icos/iconNova.png, así como os folletos en formato apto para imprimir e as coordenadas.

Arriba