27 abr 2018

Nava Castro subliña a crecente implicación dos galegos cun modelo turístico de calidade que garante a sustentabilidade

 A sensibilización da sociedade, en especial entre os cativos, sobre o turismo como motor de desenvolvemento é unha das liñas da Estratexia 2020 da Xunta

Galicia avanza en eidos como a diversificación dos fluxos, a desestacionalización na chegada de visitantes ou a consolidación dunha oferta especializada

Nava Castro, na Casa do neno.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o CPR Casa do Neno, en Santiago de Compostela, para coñecer o proxecto Unha guía pensada por e para nenos, realizado polos alumnos de 1º de Educación Primaria. A responsable de Turismo do Goberno autonómico salientou a implicación dos galegos cun modelo turístico que aposta pola calidade e garante a sustentabilidade.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020 dedica toda unha liña á sensibilización sobre o turismo como motor de desenvolvemento, posto que supón o 11% do PIB da Comunidade e o 12% dos postos de traballo. En concreto, a Estratexia, consensuada entre a administración e os axentes implicados, traballa para fomentar a concienciación entre as xeracións máis novas da importancia do turismo, como fai o proxecto Unha guía pensada por e para nenos.

Nava Castro agradeceu o esforzo e valorou a creatividade dos alumnos, que a través de códigos QR achegan vídeos de cada un deles onde falan dos seus monumentos favoritos.

Como parte deste labor divulgativo, vese preciso potenciar o rol da sociedade galega no noso turismo xa sexa como viaxeiros ou como anfitrións. Por iso, iniciativas como esta  axudan a inculcar entre os cativos os valores intrínsecos de Galicia como destino, ao tempo que se conciencian da importancia de preservar o patrimonio natural e cultural.

A Xunta, grazas á Estratexia do turismo de Galicia 2020, está a afondar nun modelo turístico sustentable, responsable e comprometido coa súa contorna. No seu primeiro ano, está a amosar a súa eficacia, afondando nun destino de maior calidade e máis desestacionalizado.

Xestión eficaz

Do mesmo xeito, avánzase na diversificación de fluxos, eido no que o Camiño de Santiago é un bo exemplo da xestión da Xunta. O Camiño Francés, cun 56% dos peregrinos, comparte cada vez máis protagonismo co resto de itinerarios xacobeos, que están a gañar peso.

Nesta mesma liña van medidas a prol da sustentabilidade ambiental, como os controis de acceso na praia das Catedrais ou nas Illas Cíes. Ou medidas a favor da convivencia entre distintas actividades, como o decreto de vivendas de uso turístico, que desde a súa entrada en vigor está a amosar a súa eficacia na ordenación desta tipoloxía de aloxamento.

 

Arriba