08 abr 2024

O Centro Superior de Hostelería de Galicia celebrará 10 xornadas de portas abertas para dar a coñecer a súa oferta a futuros estudantes

Centro Superior de Hostelería de Galicia

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) organiza o sábado 13 de abril e ata o mes de xuño un programa especial de xornadas de portas abertas para dar a coñecer a súa oferta formativa, as súas instalacións e as novidades para o vindeiro curso académico que incluirán, entre outras, nova formación especializada e máis bolsas e axudas para o estudantado.

 

Serán en total 10 xornadas que se celebrarán todos os sábados de cada mes ás 11,00 horas. As persoas que participen recibirán información sobre o grao universitario en Xestión de Empresas Hostaleiras e as súas especialidades en Gastronomía e en Xestión Hoteleira. Tamén visitarán os cinco edificios do Centro: o de teoría, o de formación continua, o polideportivo, o ximnasio, a residencia, así como os simuladores de restaurante e hotel. 

 

Interactuarán con alumnos e profesores e coñecerán, ademais, algunhas das principais novidades nas que se está a traballar para o vindeiro curso 2024/25 como as axudas e bolsas nas que se incluirá o vindeiro curso tamén o aloxamento na residencia e a convocatoria de novas bolsas de excelencia que se engaden ás existentes por renda. Tamén se está a traballar en reforzar o ano que vén a formación en gastronomía cunha nova titulación dun ano. Trátase dun curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería do que se están a ultimar os detalles para que estea activo o vindeiro curso.

 

Inscrición previa

 

Para participar nas xornadas de portas abertas no CSHG, as persoas interesadas xa poden inscribirse na páxina web. As sesión serán os días 13, 20 e 27; en maio serán os días 5, 11 e 25 e en xuño os días 8, 15, 22 e 29. Débese reservar praza na páxina web do Centro Superior de Hostelería de Galicia. 

 

O Centro Superior de Hostalería de Galicia imparte desde hai dous cursos académicos o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela. Conta cun curso inicial común e ten dúas mencións, unha en Dirección Hoteleira e outra en Gastronomía. O grao ofrece unha visión completa e integral dos negocios hostaleiros dentro da industria hoteleira, restauración, agroalimentaria, eventos e turismo en xeral.

 

O CSHG tamén aposta pola innovación e a formación constante buscando a reciclaxe dos traballadores en activo. Por iso ten un plan de formación anual para os profesionais do sector turístico, emprendemento e dixitalización que vén funcionando con boa resposta nos últimos anos. 

 
Arriba