Fotoxornalistas mexicanos e axentes do operador alemán Olimar coñecen a comunidade galega nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia
Os fotógrafos desenvolven o seu labor profesional no xornal Reforma e na revista Travel and Leisure e os axentes turísticos pertencen a un dos operadores máis importantes de Alemaña
A demanda turística alemá ocupa o segundo lugar no mercado internacional galego, supoñendo preto do 9%, mentres que a norteamericana é a sexta máis importante para Galicia, cun volume do 5 %
Xornalistas mexicanos que representan ás publicacións Reforma e Travel and Leisure México están a visitar estes días a comunidade galega para familiarizarse cos seus principais recursos turísticos, sobre todo os relacionados co produto Santuarios máxicos. Tamén está a coñecer Galicia un grupo de 12 axentes do operador turístico alemán Olimar, ambos en sendas viaxes organizadas por Turismo de Galicia co obxectivo de dar a coñecer a oferta turística galega nestes dous mercados.
Na súa estadía en Galicia, os profesionais mexicanos da comunicación visitarán varios santuarios, vilas e contornas situados tanto na costa como no interior da Comunidade galega.Tamén terán a oportunidade de coñecer, parte do Camiño de Santiago e a súa meta.
Pertencen a un segmento do mercado internacional, o norteamericano, que, en canto á demanda turística ocupa o sexto lugar na listaxe de mercados internacionais que chegan a Galicia, cun 5,4% do volume de viaxeiros.
Operadores turísticos
Por outra parte, o grupo de 12 axentes que representan ao operador turístico Olimar están a percorrer parte de Galicia para coñecer recursos, produtos e servizos turísticos característicos da Comunidade galega ao obxecto de recadar información para desenvolver paquetes que teñan como destino a Comunidade galega. Pertencen a un operador turístico, Olimar, que é un dos máis importantes de Alemaña e conta con 10.000 oficinas repartidas por todo país.
En canto ao peso deste mercado no turismo en Galicia, Alemaña sitúase en segundo lugar por detrás de Portugal cunha cota do mercado turístico do 8,9% e no primeiro cuadrimestre do ano superou nun 10% a cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos galegos en relación ao mesmo período do ano anterior.