20 xuñ 2017

Operadores turísticos brasileiros visitaron Galicia para coñecer o Camiño de Santiago

 No que vai de ano, o número de brasileiros que fixeron o Camiño medrou un 18,8% en relación ao mesmo período do ano anterior

Brasil, con preto de 4.365 peregrinos ocupou en 2016 o décimo lugar como país estranxeiro máis activo no Camiño de Santiago

 Un grupo de axentes de viaxes de Brasil estiveron na Comunidade galega para coñecer parte das rutas do Camiño de Santiago ao obxecto de incluír o destino Galicia na súa programación de viaxes turísticas.

Os axentes que participaron nesta actividade organizada por Turismo de Galicia pertencen aos operadores Adventure Club, Alatur JTB/55 Destinos, MMT Gapnet, Pisa Trekking, e Venturas.

Nesta viaxe de familiarización, os operadores de Brasil puideron coñecer durante estes días varias contornas monumentais e a cultura asociadas á Ruta xacobea así como outros recursos turísticos galegos relacionados coa gastronomía e a natureza.

Peregrinos brasileiros

No ámbito da demanda turística, a oferta turística galega mantén o seu atractivo en Brasil, tanto pola proximidade do idioma como pola variedade dos seus recursos, entre os que destacan a enogastronomía e o Camiño de Santiago.

Precisamente, Brasil, con preto de 4.365 peregrinos ocupou en 2016 o décimo lugar como país estranxeiro máis activo no Camiño de Santiago.

No que vai de ano, o número de brasileiros que fixeron o Camiño medrou un 18,8% en relación ao mesmo período do ano anterior.

Ademais, en termos de demanda, o mercado americano –agás os Estados Unidos- rexistrou en 2016 máis de 136.000 viaxeiros aloxados e de 251.000 pernoitas nos establecementos regrados de Galicia, o que representa o 11,0% do total internacional.

Este mercado amosou un comportamento positivo en 2016, xa que superou nun 15,8% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 13,8% o nivel de pernoitas do anterior ano.

Arriba