23 xuñ 2017

Galicia acada un máximo histórico de viaxeiros nos cinco primeiros meses do ano con 1,3 millóns de turistas

 O turismo internacional, cun novo récord, encabeza o crecemento de xaneiro a maio, un período no que tamén subiu o turismo nacional e a demanda interna

O mes de maio rematou co maior dato de aloxados en establecementos hoteleiros da súa historia. A isto contribuíron os turistas estranxeiros, co seu máximo, e o mercado nacional, coa cifra de noites máis elevada dos últimos sete anos

 

O quinto mes do ano tamén marcou o seu mellor dato de ocupación desde 2010

 O bo resultado do sector turístico galego no pasado mes de maio permitiu que Galicia acadase o seu máximo histórico de viaxeiros, con máis de 1,3 millóns de turistas aloxados nos establecementos hoteleiros durante os cinco primeiros meses do ano. Así o poñen de manifesto os datos publicados na Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE), que confirman a tendencia á alza que se vén rexistrando na comunidade.

A cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos aumentou nun 6% en relación ao mesmo período de 2016, ata os máis de 1,3 millóns, unha cifra nunca antes superada neste período en Galicia. Tamén subiu o volume de pernoitas, neste caso nun 7,3%, ata as preto de 2,4 millóns, o que afianza catro anos consecutivos de crecemento no conxunto dos cinco primeiros meses do ano.

Esta subida produciuse tanto no turismo interno como no turismo nacional e internacional. O turismo interno creceu un 3,1% no volume de pernoitas e un 2,6% na cifra de viaxeiros aloxados, ata os 416.000, o rexistro máis elevado desde o 2008. O turismo nacional tamén presenta un comportamento positivo, cun 8,5% máis de pernoitas e un 7,2% máis de turistas, a cifra máis alta dos últimos sete anos.

Pola súa banda, o turismo internacional volve acadar máximos históricos de demanda, con máis de 584.000 noites e 360.000 viaxeiros aloxados. Isto supón un crecemento do 10,7% nas primeiras e do 8,3 nos segundos respecto ao mesmo período do 2016. O mellor comportamento relativo do turismo internacional permítelle gañar cota de mercado en Galicia e representar xa o 24,7% do total da demanda no acumulado dos cinco primeiros meses de 2017, o que constitúe un máximo histórico máis.

Maio afianza a tendencia á alza
A esta subida global contribúe a evolución de viaxeiros durante o mes de maio, cando a cifra de turistas aloxados situouse preto dos 400.000, cunha subida do 2,5% respecto ao mesmo mes do 2016. O volume de pernoitas tamén vive unha melloría, cun crecemento do 5,7% que lle permite rozar as 680.000, o dato máis elevado no mes de maio desde 2010.

O mes de maio tamén rematou cun máximo histórico da demanda do mercado internacional, con 166.000 viaxeiros aloxados e 245.000 noites nos establecementos hoteleiros galegos. Este crecemento engádese aos rexistrados nos cinco anos anteriores acumulando, polo tanto, seis anos consecutivos de comportamento positivo, un dato que confirma que a temporada media xeral e o mes de maio en particular son moi favorables ao turismo internacional.

Pola súa banda, o mercado receptor nacional tamén medrou, o que desembocou na cifra máis elevada de pernoitas dos últimos sete anos, con máis de 281.000. O quinto mes do ano tamén marcou o seu mellor dato de ocupación desde 2010, tras cinco anos de mellora neste mes. Finalmente, a combinación do incremento das cifras de demanda e dos niveis de ocupación co crecemento dos prezos hoteleiros trouxo consigo tamén unha mellora dos niveis de rendibilidade dos establecementos.

Arriba