A Xunta traballa xa para que o Xacobeo 2021 conte cuns servizos á altura das necesidades do século XXI
O presidente da Xunta participou no acto de clausura da Carreira do Peregrino
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Comunidade galega está a traballar xa para que o Xacobeo 2021 conte cuns servizos á altura das necesidades do século XXI. “Dentro de tres anos terá lugar un dos acontecementos máis importantes da nosa historia recente, o Xacobeo 2021, e Galicia estará máis preparada ca nunca para ofrecer a súa mellor imaxe ao mundo”, aseverou.
Nesta liña recordou que, ademais da restauración da Catedral de Santiago, a Xunta traballa para que a rede de albergues públicos ofreza uns servizos á altura do que o primeiro Itinerario Cultural Europeo, declarado Patrimonio Mundial en 1993 e Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2004, merece.
Así mesmo, unha boa parte dos máis de 60 millóns de euros que recolle o Plan director do Camiño está destinada a que todos os albergues teñan wifi e sexan accesibles ás persoas con discapacidade. Todo iso, para seguir acollendo coa máxima hospitalidade os peregrinos que decidan visitar esta terra e desfrutar dos atractivos culturais, patrimoniais, naturais e gastronómicos dos seus camiños.
Durante o acto de clausura da Carreira do Peregrino, Feijóo aseverou que este evento chegou para quedarse e converterse nunha oportunidade para unir os mellores valores do olimpismo cos valores xacobeos.