10 xul 2017

A combinación do turismo urbano e gastronómico consolídase como elemento clave da Estratexia turística de Galicia

 No concurso, organizado por Turismo de Galicia, competiron os chefs gañadores dos certames de tapas celebrados nas sete cidades galegas en 2016

 
Nava Castro salientou o traballo da Administración autonómica para consolidar Galicia como destino con medidas como o impulso á enogastronomía
 
O acto tamén contou coa presenza da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez
 

 A combinación do turismo urbano e do gastronómico estase a consolidar como un elemento clave para a desestacionalización do destino Galicia ao permitir que o número de turistas cuxa principal motivación de visita sexa a gastronomía sexa cada vez maior.

Así o asegurou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no transcurso da III Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, o concurso impulsado por este departamento autonómico no que participaron os gañadores das edicións de 2016 dos concursos de petiscos das sete cidades de Galicia. Trátase dun evento de cociña en directo que serve de colofón final para os diferentes concursos de tapas celebrados na Comunidade galega e no que a Administración autonómica pon en valor cada ano o potencial do turismo urbano e o gastronómico no deseño dunha oferta turística de calidade.

Durante o acto -que tamén contou coa presenza da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez- a directora de Turismo salientou o papel que a gastronomía ten na estratexia turística galega, “porque queremos convertela na punta de lanza dos produtos singulares e diferenciais de Galicia”.

Destino gastronómico

Por iso, na nova folla de ruta, a Estratexia do Turismo 2020, inclúese, entre outras medidas, o impulso á enogastronomía cun marcado enfoque turístico e no que terá cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional. Será un traballo que, como explicou Nava Castro, permitirá facer unha diagnose do sector e dos recursos culinarios para posicionar así Galicia aínda máis como destino gastronómico.

Salientou, ademais, o grande éxito que experiencias turísticas deseñadas ao redor da gastronomía están a ter entre os visitantes, nos que, ademais dos concursos participantes en De tapas por Galicia, tamén se referiu a iniciativas como a campaña Viños e Camelias –que este ano acadou máis de 11.000 visitantes ao seu paso polo País Vasco-, as Rutas dos Viños ou o Outono Gastronómico.

A final do certame De Tapas por Galicia celebrada hoxe en Santiago contou coa participación de Rubén González e Sergio Orge, do Cafetín (Pontevedra); Chisco Jiménez e Xalo Muñiz da Taberna da Galera (A Coruña); Pablo Vila, do Hotel Puerta del Camino (Santiago); Pablo Fuente e Alberto González, de La Taberna de Estrella (Ferrol); Rafael Pérez Iglesias, de La Carpintería (Vigo); Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel (Ourense); e Álvaro Villasante Armas, do Paprica (Lugo).

Todos estes chefs remataron os seus pratos en directo, explicaron o seu proceso de creación e foron sometidos ao veredicto dun xurado profesional, que valorou a orixinalidade e o respecto polo produto galego da tapa gañadora. Tamén se outorgou un Premio Especial do Público, que se outorgou pola votación de varios convidados á gala, elixidos ao azar.

 
Arriba