06 mar 2013

O TURISMO DE GALICIA PROMOCIÓNASE NA FEIRA ITB DE BERLÍN, UN DOS CERTAMES TURÍSTICOS MÁS IMPORTANTES DO MUNDO

Os alemáns supuxeron o 13,5% dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega no ano 2011.

MOSTRADOR TURÍSTICO DE GALICIA NA ITB

Turismo de Galicia presenta a oferta turística galega para o mercado alemán entre hoxe e o día 10 de marzo na feira ITB de Berlín (Alemaña), un dos mercados turísticos máis importantes do mundo xunto aos certames World Travel Market (WTM) de Londres e a Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR).

Neste evento dedicado ao Turismo en xeral, Turismo de Galicia promocionará os dez produtos cabeceira de marca, e as experiencias turísticas que parten destes últimos, ademais da oferta global e o Camiño de Santiago.

Nesta edición da ITB, na que Turismo de Galicia disporá de dous mostradores dentro do stand de Turespaña, farase especial fincapé nos produtos relacionados coa natureza e o Turismo de costa, así como o Turismo cultural, que xunto co Camiño de Santiago e as cidades galegas, son os aspectos turísticos da Comunidade que máis interese espertan para os turistas alemáns.

Turistas alemáns


A participación neste certame permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a Comunidade galega, xa que o 13,5 % dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia no ano 2011 foron alemáns.

Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses en canto aos niveis de demanda hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, foi un mercado que medrou un 7,5 % entre os anos 2010 e 2011.

Por outra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas alemáns, con 48.047 viaxeiros, supuxeron o 14,5 % dos estranxeiros que utilizaron o avión para visitar Galicia en 2011. En relación ao ano 2010, os viaxeiros alemás que utilizaron o avión para desprazarse a Galicia medraron un 4%.

Arriba