21 mar 2013

TURISMO PROMOCIONA A OFERTA TURÍSTICA GALEGA EN RUSIA E ITALIA

Desde onte, e ata o vindeiro domingo os valores, turísticos galegos están presentes na feira MITT de Moscú, e no evento La Spagna a Genova.

GALICIA EN MOSCÚ

Dentro do labor de promoción do Turismo galego que desenvolve a Xunta deGalicia a través da Axencia Turismo de Galicia,  este ano estase a apostar por determinados mercados emerxentes, como é o caso de Rusia, e así, a oferta turística galega promocionarase entre os días 20 e 23 na feira Moscow International Travel & Tourism (MITT), o certame turístico máis importante dos que se celebran en Rusia.

Coincidindo con estas datas, a Axencia Turismo de Galicia, por medio de Turgalicia, participa no evento organizado polas oficinas de Turismo de España en Italia, La Spagna a Genova, ao obxecto de promocionar a oferta turística galega entre o público final italiano, neste caso da cidade de Xénova.

Para este evento, que se desenvolverá entre hoxe e o día 24, instalouse un stand de promoción turística na Praza Ferrari de Xénova.

Mercado ruso

Polo que respecta á feira MITT de Moscú, este ano, Turismo de Galicia participa cun módulo de exposición dentro do stand xeral de Turespaña a través do que difundirá a oferta turística galega, nun dos mercados emerxentes máis interesantes para a comunidade galega.

Este é o segundo ano no que Turismo de Galicia participa neste certame turístico, no que xa se teñen feito contactos con distintos operadores turísticos locais e co público xeral.

Froito destes contactos foi a organización dunha viaxe de familiarización para axentes de viaxes rusos o pasado ano 2012 e a inclusión de parte da oferta turística galega nos catálogos da maiorista Marfil.

O pasado ano, Turgalicia participou tamén nunha misión comercial organizada por Turespaña para contactar con operadores turísticos das cidades de San Petersburgo e Moscú.

Italia

Polo que respecta ao evento La Spagna a Genova, Turismo de Galicia conta cun mostrador personalizado para promocionar os valores turísticos galegos entre os cidadáns xenoveses.

Neste evento, Turismo de Galicia poderá manter un contacto cos medios de comunicación máis salientables da rexión.

Ademais, terá lugar unha xuntanza de traballo con empresarios turísticos da cidade e a rexión de Genova, así como outras actividades destinadas ao público final como degustacións de produtos gastronómicos galegos.

Arriba