04 abr 2013

Turgalicia promociona esta semana o turismo galego en Francia e Portugal

Hoxe a oferta turística galega estará presente no Salón Meedex de París.

Turismo de Galicia participará os días 6 e 7 de abril na feira Mundo Abreu, de Lisboa, un dos eventos turísticos máis importantes do país veciño no eido da comercialización turística

Turismo de Galicia promocionará, ao longo desta semana, o turismo galego nos mercados francés e portugués a través de eventos relacionados cos congresos, reunións e viaxes de incentivo; así como a través da comercialización directa de destinos.

 
Deste xeito, hoxe a oferta turística galega estará presente no Salón Meedex, en París ao obxecto de promocionar a oferta turística da comunidade relacionada cos congresos, as reunións de empresa e as viaxes de incentivo.
 

Durante estas xornadas, técnicos de Turismo manterán xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos franceses relacionados co turismo de reunións.

 
Comercialización directa en Lisboa


Por outra parte, coincidindo coa fin de semana, os días 6 e 7 de abril, Turismo de Galicia participará xunto á Oficina de Turismo de España en Lisboa no evento turístico Mundo Abreu, que se desenvolverá na capital portuguesa.

 

Abreu Viagens, a maiorista que a vindeira fin de semana organizará este evento, constituído como o acontecemento de venda turística anticipada máis importante de Portugal, é a principal operadora turística portuguesa.

 

Así, durante dous días, Abreu Viagens aluga un pavillón da Feira de Lisboa e traslada a 200 vendedores cos seus equipos de comercialización e presenta ofertas exclusivas para o público final.

 

Neste ámbito, Abreu ofrece espazo expositivo para os seus provedores principais, entre os que están as comunidades autónomas españolas, que terán a oportunidade de presentar os seus produtos turísticos.

 

Galicia, terá así a oportunidade de se promocionar turisticamente entre os 130.000 visitantes que se calcula terá este evento.

Arriba