04 abr 2013

Máis de 35.000 persoas visitaron a II Exposición Camelia, flor de Galicia, organizada por Turgalicia en Santiago

A exposición de Turismo de Galicia contou coa colaboración da Sociedade Española da Camelia, a Universidade de Santiago de Compostela e mais o Concello de Santiago

Turismo de Galicia quixo con esta iniciativa poñer en valor a singularidade do destino Galicia por ser o lugar con máis especies e variedades desta flor despois do Xapón

Turismo de Galicia deseñou o produto Ruta da Camelia, que percorre os espazos galegos nos que se poden admirar os exemplares máis espectaculares desta especie floral, así como o seu patrimonio asociado

A directora de Turismo de Galicia visita a exposición.

Máis de 35.000 persoas visitaron a II Exposición, camelia flor de Galicia, organizada por Turismo de Galicia no Pazo de Fonseca de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou no Pazo de Fonseca a mostra sobre a Camelia que se puido admirar o Venres e Sábado Santos e que se trata dun proxecto expositivo organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Sociedad Española da Camelia, a Universidade de Santiago de Compostela e mais o Concello de Santiago. O obxecto desta exposición foi poñer en valor a flor emblemática de Galicia como produto turístico.


Trátase da segunda edición da Exposición ‘Camelia, flor de Galicia’ que permitiu contemplar máis de 200 variedades de camelia das mellores coleccións privadas de Galicia. A mostra contiña especies de 25 coleccións privadas cultivadas polos amantes desta flor e de entre eles contan xa con 10 camelias de ouro e que só se poden contemplar en ocasións coma esta. En Galicia celébranse anualmente un importante número de exposicións de camelia, sendo esta un caso excepcional por ter lugar en Santiago de Compostela, en plena Semana Santa e no claustro do Pazo de Fonseca, a carón da catedral de Santiago, a meta de todos os Camiños.

A mostra serviu tamén de escenario para presentar unha pequena recompilación de pezas de artesanía galega. O obxectivo central deste proxecto expositivo foi dar a coñecer un produto turístico que só posúe Galicia: a Ruta da Camelia. É por isto que nas inmediacións da exposición se instalou un punto de información turística de Galicia como destino en xeral e sobre esta ruta en particular. Do mesmo xeito, na tenda da universidade, vendéronse produtos derivados desta especie floral como aceite de camelia, xabóns e incluso artesanía con esta flor como motivo.

A camelia viaxou dende as súas orixes na Asia Oriental atravesou miles de quilómetros dende Oriente a Occidente ata chegar a un destino para quedarse, Galicia.Galicia é o segundo lugar do mundo con máis especies de Camelia despois do Xapón. Existen unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de Camelias.

A visita a exposición puídose completar mesmo en Santiago, onde poden admirarse exemplares de camelia na Alameda, dispersas pola zona da Ferradura. Ademais de no parque de Belvís, en San Domingos de Bonaval, no xardín da Praza de Fonseca, no Parlamento de Galicia, no pazo de San Lourenzo de Trasouto, no Campus Sur, na rúa da Trinidade ou no Hostal dos Reis Católicos.

Arriba