11 abr 2013

Un grupo de xornalistas irlandeses visita Galicia nunha viaxe que combina por vez primeira enoturismo e Camiño de Santiago

Representantes de diversos medios de comunicación xeralistas e especializados de Irlanda participarán ata o 13 de abril nun programa conxunto de promoción do Camiño de Santiago e o enoturismo en Galicia, que se desenvolve de xeito pioneiro.

 

O programa está organizado por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Dublín, dentro do marco do Plan de Accións Promocionais 2013 e tamén conta coa colaboración da Ruta do Viño Rías Baixas

Nava Castro recibiu aos xornalistas irlandeses.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu en Santiago aos integrantes dunha viaxe de familiarización para xornalistas procedentes de prensa especializada e xeralista de Irlanda. Un programa de promoción dos Camiños de Santiago que se desenvolverá durante os vindeiros cinco días coa visita a Galicia destes profesionais de medios de comunicación irlandeses. O presstrip, que ademais do Camiño de Santiago inclúe actividades relacionadas coa promoción do enoturismo, está organizado por Turismo de Galicia e conta coa colaboración da Oficina de Turismo de España en Dublín e da Ruta do Viño Rías Baixas. Este programa combinará de xeito pioneiro o Camiño de Santiago e o enoturismo galego e enmárcase dentro do Plan de Accións Promocionais 2013.

 

Os medios de comunicación xeralistas representados son Munster Express, Mail on Sunday, Irish Independent, Irish Times e The Northern Standard. Na súa estadía en Galicia incorporaranse ao grupo outros xornalistas especializados en enoturismo que están a percorrer durante eses días as Rías Baixas nunhas xornadas inversas organizadas pola Oficina Española Comercial de Dublín (ICEX). Os medios especializados son Shelf Life, TV3, Examiner, Food&Wine, Irish Tatlet Men, Munster Interiors e Independent.

 
Un denso programa


O programa de actividades, que contempla degustacións gastronómicas e unha ampla mostra dos nosos atractivos turísticos, iniciouse o pasado martes cunha visita guiada polo casco antigo de Santiago. O mércores, os xornalistas percorreron a parte galega do Camiño Francés desde O Cebreiro, con paradas en Samos, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa , Monte do Gozo e Santiago. Os xornalistas terán ocasión de facer un tramo do Camiño a pé e de departir cos peregrinos, así como visitar os principais monumentos xacobeos. Hoxe, a ruta irá polo Camiño de Fisterra-Muxía, visitando Ponte Maceira, Noia, Muros, O Pindo, Carnota, Fisterra e Muxía antes de regresar a Santiago.

 

Durante a xornada do venres desenvolveranse actividades que combinarán Camiño e enoturismo, coa incorporación do técnico da Ruta do Viño Rías Baixas, Ramón Burdeos. En Vedra, os viaxeiros camiñarán polo último tramo da Vía da Prata e visitarán a adega Pazo de Galegos e a continuación, xa en Cambados, visitarán a adega de Martín Códax, coñecerán a vila e terán un encontro cun responsable de Turismo Rías Baixas- Deputación de Pontevedra. De volta a Santiago, visitarán a Cidade da Cultura. Por último, o sábado día 13 de abril, pasearán pola Praza de Abastos compostelá antes de concluír a súa estadía en Galicia.

 

Arriba