03 feb 2014

O día 14 de setembro a Volta Ciclista a España rematará en Compostela cunha contrarreloxo individual

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz Loroño; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, presentaron en Santiago a etapa final da proba ciclista que este ano se decidirá na meta dos Camiños de Santiago.
Compostela foi punto de saída da competición en catro ocasións e nunha contrarreloxo individual. A Volta tivo Santiago como meta noutras catro edicións.

Presentación da última etapa de La Vuelta, en Santiago.

Santiago acolleu  a presentación da etapa final da 69 Edición da Volta Ciclista a España. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz Loroño; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo e o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Curras, realizaron hoxe unha presentación sobre a etapa final desta relevante cita deportiva. A última etapa da competición ciclista máis importante do Estado celebrarase en Santiago de Compostela. O nome promocional desta edición é La Vuelta’14. Provincia de Cádiz-Santiago de Compostela. El Final del Camino.

O día 14 de setembro terá lugar na capital galega a contrarreloxo individual. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a etapa 21 da Volta percorrerá 10 quilómetros e a Praza do Obradoiro será o destino final da competición. Nava Castro sinalou que a última vez que a Volta rematou fóra de Madrid foi no ano 1993, Ano Santo, e tamén Santiago foi a cidade meta para o podium ao que se subiu Toni Rominger.

Santiago foi punto de saída da competición en 4 ocasións e nunha ocasión máis foi saída dunha contrarreloxo individual de 7 km que gañou o francés Marc Gómez. Ao día seguinte disputáronse dous sectores de 97 km. Santiago foi meta dunha etapa da Volta en 4 ocasións, na última delas en 2007, o gañador foi Óscar Freire. A última vez que a Volta pasou por Santiago foi no pasado ano 2013.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que o feito de que Santiago de Compostela sexa neste 2014 “o Final do Camiño da Volta Ciclista” supón “toda unha oportunidade para Galicia e para a súa capital. A Volta Ciclista é un evento de primeiro nivel que agardamos repercuta moi positivamente na imaxe do destino, e que un ano máis sexa todo un éxito”.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, manifestou que esta é unha nova oportunidade para potenciar en Galicia as sinerxías entre deporte e turismo, un eixo de dinamización económica e social ao que a Xunta de Galicia presta o seu máis firme apoio. Subliñou a boa situación do ciclismo galego, o sexto de España en número de licencias e o quinto en canto a clubs se refire. “Estamos convencidos que o bo momento do ciclismo galego seguirá a mellorar no futuro, e proba disto son os nosos deportistas de alto nivel recoñecidos e subvencionados pola Secretaría Xeral para o Deporte, os clubs de alta competición patrocinados pola Fundación Deporte Galego e os clubs de base que igualmente reciben o noso apoio”, indicou Lete Lasa, quen recoñeceu á Federación Galega de Ciclismo o seu labor en prol deste deporte na nosa comunidade, en coordinación coa Secretaría.

Repercusión turística e comunicacional
Nava Castro fixo referencia tamén ao gran impacto mediático e repercusión comunicacional que xerou a pasada edición da proba, que tivo Galicia como punto de saída. Segundo matizou, con este grande evento, Galicia rexistrou no mes de agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados, superando incluso en algo máis de 1.000 aos computados no Ano Santo 2010. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, a nosa comunidade rexistrou no mes de agosto unha cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de 727.733, isto é un 11,6% máis que os rexistrados no mesmo mes do ano pasado. Tamén as pernoitas experimentaron unha suba do 6,5% con 1.826.503 pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings.

No caso de Santiago de Compostela, explicou que durante os meses de agosto e setembro de 2013, Santiago rexistrou un incremento na cifra de viaxeiros do 13,3% e do 2,9%, respectivamente. De igual modo, as pernoitas subiron en agosto máis dun 10% e en setembro máis dun 7% na capital galega.

Estas cifras supuxeron o nivel máximo de viaxeiros aloxados nun mes de agosto, non sendo Ano Santo. Nese período o turismo nacional subiu un 14% e o internacional un 4% a respecto de agosto do ano anterior. Isto implicou un máximo histórico no turismo internacional recibido na capital galega xa que o peso deste segmento de mercado nese período chegou case ao 40% do total dos viaxeiros.

Tamén en setembro se acadou a cifra máis elevada de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, non sendo Ano Santo. Máis de 70 mil persoas realizaron máis de 131 mil pernoitas nos hoteis e pensións de Compostela. Nese mes, os viaxeiros internacionais supuxeron o 52% do total.

De igual modo, e como fixo público o Instituto Nacional de Estatística, as cifras de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da capital galega no 2013 superaron nun 7,5% aos rexistrados o ano anterior e superaron en máis dun 4% a cifra de pernoitas. Acadando en 2013 máis de un millón de pernoctacións. A cidade de Santiago rexistrou en 2013 o mellor dato de viaxeiros aloxados en hoteis e pensións nun ano non Santo.

A cobertura internacional da pasada edición da Volta alcanzou os 190 países e 33 canles de televisión. A Volta 2013 xerou máis de 18.000 artigos web; preto de 6.000 artigos de prensa; 549 repercusións en radio e 496 noticias de televisión. A plataforma dixital da Volta xerou 5,5 millóns de visitantes únicos; 48.000 descargas, 52.000 fans en Facebook, 56.000 seguidores en Twitter e 270.000 vídeos vistos en Youtube.

Etapas da edición 2014 en Galicia
Este ano a Volta Ciclista ten 5 etapas en Galicia, desde a etapa 17 ata a 21. A primeira etapa será a que vai de Ortigueira ata A Coruña. En total, 174 quilómetros da etapa 17 do percorrido. A etapa 18 comeza na Estrada e finaliza no Monte do Castrove. Constará de 173,5 km. A seguinte etapa, a número 19, empeza en Salvaterra do Miño e remata en Cangas do Morrazo tras percorrer 176,5 km. Xa a etapa número 20 percorrerá 163,8 km entre Santo Estevo de Ribas de Sil e o Porto de Ancares. A Volta concluirá en Santiago de Compostela, cidade na que se coñecerá o nome do gañador definitivo da Volta a España.

Arriba