05 ago 2013

Os establecementos extrahoteleiros galegos rexistraron en xuño un 5% máis de viaxeiros e un 4,9% máis de pernoitas que en xuño de 2012

Un total de 37.801 viaxeiros aloxáronse durante o mes de xuño nos cámpings, apartamentos turísticos e casas de turismo rural de Galicia, que rexistraron 110.510 pernoitas. No conxunto da oferta aloxativa regrada a cifra de viaxeiros subiu un 8,2% e a de pernoitas un 1,1% a respecto do mesmo período do ano pasado.

 

O turismo nacional medrou nos establecementos extrahoteleiros galegos experimentando subas do 9,1% en viaxeiros e do 8,6% en pernoitas.

A cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos extrahoteleiros galegos durante o mes de xuño de 2013 medrou un 5% a respecto da cifra rexistrada no mesmo mes de 2012. De igual xeito, a cifra de pernoitas nos cámpings, apartamentos turísticos e casas de turismo rural de Galicia medrou en conxunto un 4,9% en comparación cos datos rexistrados no mesmo mes do ano pasado.

 

De igual xeito, se se teñen en conta os datos do conxunto da oferta aloxativa –establecementos hoteleiros e extrahoteleiros- para o mes de xuño, observase unha suba do 8,2% na cifra de viaxeiros aloxados no conxunto da oferta aloxativa regrada galega así como un ascenso do 1,1% no número de pernoitas rexistradas en comparación co mesmo período de 2012.

 

No mes de xuño deste ano, máis de 37.801 viaxeiros aloxáronse en establecementos extrahoteleiros de Galicia e a cifra de pernoitas acadou as 110.510. De igual modo, máis de 379 mil viaxeiros se aloxaron no mes de xuño nos establecementos do conxunto da oferta regrada galega, rexistrando máis de 734 mil pernoitas no mes de xuño.

 

O turismo nacional no conxunto dos establecementos extrahoteleiros galegos experimentou neste mes unha suba do 9,1% na cifra de viaxeiros rexistrados e dun 8,6% no número de pernoitas contabilizadas.

 

Os cámpings galegos rexistraron neste mes de xuño unha suba na cifra de viaxeiros do 11,1% e da cifra de noites do 10,8%. Tanto o mercado nacional como o internacional medraron neste segmento no tocante á cifra de viaxeiros rexistrados un 12,1% e un 8,2%, respectivamente. De igual xeito, no segmento dos apartamentos turísticos a cifra de viaxeiros nacionais e internacionais rexistrados experimentaron unha suba por riba do 13% a respecto das cifras computadas no mesmo mes do ano pasado.

 
Peregrinos


No que vai de ano, a cifra de peregrinos que recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago supera nun 11,63% a cifra rexistrada no mesmo período de 2012. En total chegaron 11.569 peregrinos máis que entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo do ano pasado. No que vai de 2013 recolleron a Compostela 111.031 peregrinos, o 53,92% deles estranxeiros.

Arriba