05 ago 2013

Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Cámpings asinan un convenio para a promoción do turismo neste tipo de aloxamento

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación Galega de Cámpings e Cidades de Vacacións, Delfín Fidalgo Fernández, asinaron en Santiago este acordo que establece medidas promocionais e de difusión da oferta de acampamentos turísticos en Galicia.

 

Segundo os datos do INE, no mes de xuño a cifra de viaxeiros aloxados en acampamentos turísticos galegos medrou un 11,1% a respecto de xuño do ano pasado e a cifra de pernoitas rexistradas superou ás computadas no mesmo período do ano pasado nun 10,8%.

 

A cifra de viaxeiros nacionais e internacionais aloxados nos campamentos de turismo galegos subiu un 12,1% e un 8,2%, respectivamente.

Sinatura do acordo entre Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Cámpings.

A directora de Turismo de Galicia e mais o presidente da Asociación Galega de Cámpings e Cidades de Vacacións asinaron un convenio de colaboración que ten como finalidade a promoción conxunta de Galicia como destino turístico promovendo e incentivando a comercialización do sector de campamentos de turismo.

 

A directora de Turismo de Galicia resaltou a ampla oferta galega no tocante a este tipo de aloxamentos, que abrangue 116 establecementos con preto de 35 mil prazas, con instalacións completas e modernas situadas en contornas que permiten o desenvolvemento de oferta complementaria diversa e atractiva. Do mesmo xeito, Nava Castro explicou que os campamentos de turismo son “os establecementos de aloxamento máis sostibles dado que están intimamente relacionados coa preservación e conservación da contorna na que se sitúan”.

 

No tocante á demanda rexistrada neste tipo de establecementos, a directora de Turismo explicou que segundo os últimos datos do INE, os cámpings de Galicia rexistraron no mes de xuño un incremento na cifra de viaxeiros aloxados do 11,1% a respecto do mesmo período de 2012. No tocante ás pernoitas, tamén se rexistrou unha suba do 10,8% na cifra de noites en comparación con xuño de 2012.

 

Segundo matizou, tanto o mercado nacional como o internacional medrou neste segmento en canto á cifra de viaxeiros rexistrados. Aloxáronse nos campamentos galegos un 12,1% máis de turistas nacionais que en xuño do ano pasado e un 8,2% de turistas internacionais máis.

De igual modo, no primeiro semestre de 2012 incrementouse en preto dun 2% a cifra de viaxeiros aloxados en campamentos de turismo galegos e nun 2,2% a cifra de pernoitas rexistradas a respecto das contabilizadas nos seis primeiros meses de 2012.

 
Estratexias de promoción


Nava Castro explicou tamén que entre os obxectivos do acordo están o de dar a coñecer a nosa oferta de cámping e caravaning a través de diversas estratexias de promoción entre as que se encadran accións de colaboración directa coas asociacións principais do sector. Segundo puntualizaron, a colaboración incluirá unha campaña de publicidade gráfica e de difusión nos medios de comunicación; a edición de planos, a realización de merchandising e mais a realización dunha campaña de prensa, radio e Internet cuxo obxectivo é amosar o gran potencial de Galicia neste tipo de turismo en estreito contacto coa natureza, a principal motivación dos viaxeiros que acoden ao destino.

Arriba