Máis de 30.000 persoas visitaron o pavillón de galicia no Festival Intercéltico de Lorient instalado por Turismo de Galicia
Entre os días 2 e 11 de agosto, o espazo galego de 200 metros cadrados, acolleu actuacións de grupos de música folk e promocionouse a gastronomía de Galicia e outros recursos turísticos da Comunidade autónoma.
Este ano, o recinto galego instalado neste evento recibiu 4.000 visitantes máis que en 2012.
Máis de 30.000 asistentes á 43 edición do Festival Intercéltico de Lorient (Francia) visitaron o pavillón de Galicia instalado por Turismo de Galicia para a promoción da cultura e o turismo da Comunidade galega na cidade bretona entre o 2 e o 11 de agosto. Esta cifra supón un incremento de 4.000 visitantes en relación á edición do ano anterior.
Esta notable afluenza de público fíxose visible nas colas da entrada en cada xornada, especialmente nas horas do xantar, das ceas e das actuacións dos grupos galegos, cun cheo total.
A maioría dos visitantes foron familias completas, parellas e grupos de amigos, procedentes non so da Bretaña, senón do resto de Francia, países fronteirizos, así como do resto de rexións ou nacións de influencia celta. Pódese dicir que Galicia xa é un referente neste Festival.
Por outra parte, nos puntos de información turística do stand, o público bretón mostrou o seu interese pola nosa Comunidade demandando toda clase de información sobre Galicia. Así, os contidos máis demandados referíronse ás tradicións, o Camiño de Santiago, espazos naturais, aloxamentos turísticos e gastonomía.
Escenario musical
Ademais, pavillón galego de 200 metros cadrados serviu de escenario musical para a promoción da música folk galega a través deste evento. Así, entre os días 2 e 11 de agosto, actuaron os músicos Ismael García e Xesús Rodríguez, gaita e percusión, respectivamente, que participaron no concurso do Trofeo MacCrimmon, organizado polo Festival, e amenizaron estas xornadas de difusión turística e cultura de Galicia.
Ademais, entre os días 2 e 6 de agosto acturaron no stand de Galicia os grupos Trimuiños, Trécolas e Tromentelos e entre os días 7 e 11, o grupo Os D`abaixo