A Volta 2013 contará cun stand para a promoción dos produtos gastronómicos da provincia de Lugo promovido por Turismo de Galicia e a Asociación Provincial de Hostalería
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o presidente da AsociaciónProvincial de Hostelería de Lugo, Cheché Real, e o presidente de Avimós, Francisco Monasterio, participaron no acto de presentación da campaña promocional dos produtos gastronómicos da provincia de Lugo durante a Volta ciclista a España 2013, que promoven Turismo de Galicia e mais a asociación de hostalería luguesa.
O stand, que se instalará nas zonas vip de saída das etapas da edición número 68 da Volta a España 2013, contará con produtos de calidade grazas á colaboración dos Consellos Reguladores de Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castañas de Galicia, Grelos de Galicia, Pemento de Mougán e Agricultura Ecolóxica de Galicia, ademais de Armadores de Burela e Galletas mariñeiras Daveiga, Queixería Marques de Cernadas e as Asociacións de Criadores do Galo de Mos, Ovella Galega e Porco Celta.
Sobre o evento, a directora de Turismo de Galicia resaltou o feito de que “a Volta 2013 situará Galicia nas pantallas de todo o mundo. A espectacularidade das imaxes que xera este evento deportivo constituirá o noso mellor escaparate e nesta edición do evento, a Volta percorrerá en Galicia algúns dos enclaves máis espectaculares e xenuínos do noso destino”.
A Volta percorrerá en Galicia cinco etapas, unha delas na provincia de Lugo. Nava Castro explicou que “ademais levará a cada recuncho algo noso a través desta gran iniciativa promocional que hoxe presentamos e que encherá de sabor, de calidade e de arte culinaria as diferentes etapas da competición deportiva”. Segundo comentou, Turismo de Galicia colabora con esta “singular iniciativa que, estamos seguros, constituirá todo un éxito”.
A directora de Turismo incidiu, ademais, nas potencialidades de Galicia como destinogastronómico e no valor deste tipo de iniciativas para dalas a coñecer e promocionalas.