O campo de Augas Santas acolleu a segunda proba galega do III Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia
Con esta competición organizada pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, preténdese consolidar a Comunidade galega como destino de golf.
Desenvolveranse outras 11 probas ademais da de Pantón, en Madrid, Valladolid, Salamanca, Santander e Sevilla; ademais das xa disputadas en Mondariz balneario, A Coruña, Bilbao, Burgos, Asturias, Tarragona e Navarra.
O Club Augas Santas de Pantón acolleu a segunda proba galega do III Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia, organizado pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, co obxectivo de consolidar a Comunidade galega como destino turístico de golf.
Este torneo desenvólvese logo da celebración do I e II circuítos de Golf Sénior Turismo de Galicia, que tiveron lugar nos anos 2011 e 2012 e nos que participaron máis de 700 golfistas de toda España.
As probas do III Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia celébranse desde o pasado 26 de xuño, cando se iniciara o torneo na cidade da Coruña. Logo viñeron as probas en Bilbao, Burgos, Asturias, Tarragona e Navarra, antes da que se celebrase a competición en Augas Santas-Pantón (Lugo). Ao longo dos meses de setembro e outubro desenvolveranse probas deste campionato de golf en Madrid, Valladolid, Salamanca, Santander e Sevilla.
En canto á final deste circuíto, celebrarase entre os días 19 e 22 de novembro no campo de golf de Mondariz Balneario.
Produto turístico
Desde o punto de vista da promoción turística de Galicia, o Circuíto de Golf Sénior consiste na creación dun produto destinado ao xogador de golf sénior, concibido mediante a combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.
Os obxectivos do produto de golf sénior son, por unha parte, posicionar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e atraer os xogadores con este perfil para que visiten a Comunidade galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.
Ademais, con esta iniciativa, preténdese servir de enlace entre a industria do golf e a industria turística local.
Este circuíto de golf facilitará tamén a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.
Torneo GolfSpain
Doutra parte, A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, patrocinou a celebración do torneo de golf GolfSpain, que se celebrou entre entre os días 15 e 18 de agosto, co obxectivo de difundir a Comunidade galega como destino para a práctica do golf entre os deportistas españois.
Este torneo, que chegou á súa segunda edición, constituiu unha excelente oportunidade para a promoción de Galicia como destino turístico de golf, dada a presenza da axencia GolfSpain na organización deste, xa que é líder no sector das viaxes especializadas en golf, ao contar entre os seus clientes con máis de 30.000 xogadores de toda España.
A promoción deste torneo centrouse na Comunidade de Madrid, principal mercado emisor de Turismo de golf, cun 20% do total das licencias de España.
Viaxes complementarias
Logo da celebración deste torneo no balneario de Mondariz, tratándose dun período vacacional, está previsto que moitas xogadoras e xogadores amplíen a súa estadía na Comunidade galega con visitas a outros lugares.
Esta é a segunda edición do torneo de golf Golfspain, logo da celebración dunha primeira no ano 2012 que contou cunha afluencia de público moi considerable, o que fixo que se optara pola celebración dun novo evento este ano e consolidalo como un torneo fixo no calendario golfista.