24 ago 2013

Turgalicia promociona o turismo de Galicia no evento ao aire libre máis concorrido de Alemaña

Entre os días 23 e 25 de agosto, Turismo de Galicia participa na Festa da ribeira dos museos de Fráncfort Museumsuferfest

O músico galego Budiño actuará ao longo destas xornadas de promoción cultural.
 

Público interesado por Galicia en Frankfurt.

Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, está a promocionar a oferta turística da comunidade no evento Museumsuferfest, a Festa da ribeira dos museos de Fráncfort que congregará entre os días 23 e 25 de agosto máis de 3.000.000 de persoas.

Para promocionar o turismo galego neste acontecemento cultural, Turismo de Galicia conta cun mostrador no pavillón de España, instalado pola Oficina de Turismo de España en Fráncfort.

Así, a través deste espazo, os asistentes a esta feira poderán recibir toda clase de información turística e cultural de Galicia.

Actuación musical
Ademais, o pavillón español será o escenario ao longo destes días para varias actuacións do músico galego Budiño, que amenizará parte destas xornadas de promoción.

Segundo os organizadores, a Museumsuferfest é o acontecemento de promoción cultural ao aire libre máis concorrido de Alemaña, e conta cun amplo programa de actividades lúdico-festivas.

España acude por segunda vez consecutiva a este evento e será o único país estranxeiro que se promocione dous anos seguidos na Festa da ribeira dos museos de Fráncfort.
 

Arriba