Feijóo evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago e Asís, e avoga por que ambas as dúas traballen conxuntamente para difundir o legado cultural e artístico do que o Camiño é depositario
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evocou o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e de Asís, e avogou por que ambas as dúas traballen conxuntamente para difundir o legado cultural e artístico do que o Camiño é depositario.
Así o manifestou na xuntanza que mantivo co alcalde desta cidade italiana, Claudio Ricci, con motivo da presentación da exposición conmemorativa do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
A mostra, que leva por título Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, será presentada esta tarde no Palacio Bonacquisti e, en palabras do presidente, está concibida para “facer visible” a herdanza franciscana que pervive en Compostela; un vínculo que hoxe, sinalou, enlaza Galicia con esta cidade da Umbría italiana.
Dúas cidades irmáns de pisada peregrina
O mandatario galego apuntou que Santiago e Asís son “dúas cidades irmáns, de pisada peregrina e de portas abertas ao visitante”. Ambas as dúas, dixo, teñen sido “semente de concordia, de paz, e lugar de encontro de pobos, persoas e pensamentos que describiron o preámbulo do europeísmo”. “Ás portas da Catedral de Santiago e da Basílica de San Francisco de Asís late o mesmo espírito de fraternidade”, enfatizou.
O presidente galego asegurou que Galicia ten nesta xornada “un lugar destacado na axenda cultural” da cidade, e subliñou que esta conmemoración “é o punto de partida dun camiño de irmandade” que Santiago e Asís emprenden ao redor da figura de San Francisco. “Hoxe iniciamos unha andaina como dúas cidades unidas por facer prevalecer no tempo o trazado dun camiño no que conviven pobos e culturas”; unha ruta que agora “acada maior extensión” porque atopa en Asís “a súa porta de acceso a Roma”, afirmou.
Feijóo recoñeceu que ambas as dúas cidades tamén “coñeceron moi de preto o valor da solidariedade cando a desgraza golpea con forza”, en alusión ao terremoto de Asís do ano 1997, e a dous días de cumprirse un mes do accidente de tren de Santiago, que custou a vida a 79 persoas.
E concluíu agradecendo ao alcalde de Asís a “gratificante e afectuosa hospitalidade”
que brinda a cidade e expresando o seu desexo de facela recíproca.