Turismo de Galicia concede subvencións a dez axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia
A Comisión de valoración propuxo á Dirección de Turismo de Galicia a concesión de axudas a 10 proxectos presentados por un importe total de 124.833,2€.
As porcentaxes de subvención oscilan entre un 25% e un 40% do orzamento presentado segundo as puntuacións acadadas.
A Comisión de valoración acordou propoñer á Dirección de Turismo de Galicia, a concesión de axudas a 10 proxectos presentados á Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de maio do 2013.
Ao abeiro desta resolución presentáronse solicitudes de axudas para distintos proxectos de promoción e comercialización de paquetes turísticos que permiten ás axencias de viaxe da nosa comunidade dar a coñecer a variada e numerosa oferta turística existente no noso territorio e polo tanto expandir a comercialización e difusión da oferta turística de Galicia en todos os ámbitos.
O importe total outorgado na concesión de axudas é de 124.833,2 euros e as porcentaxes de subvención oscilan entre o 25% e o 40% do orzamento presentado dependendo das puntuacións acadadas por cada proxecto segundo os criterios de valoración.
O obxectivo destas axudas é mellorar o posicionamento e diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para ser competitivos no ámbito turístico nacional e internacional, así coma na creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.
Axudas ao sector
No mes de maio Turismo de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia resolucións de subvencións ao sector turístico galego froito do diálogo e consenso co sector, así como da análise das necesidades e a decisión de impulsar aqueles aspectos nos que o destino Galicia é competitivo.
Xunto ás axudas destinadas ás axencias de viaxes para a creación de paquetes turísticos para a promoción e comercialización do destino Galicia, publicáronse outras dirixidas á mellora de infraestruturas turísticas en establecementos hoteleiros do Grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes; á dotación de equipamentos para empresas de servizos turísticos complementarios e as subvencións dirixidas ás empresas turísticas nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE ao obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española.
A estas axudas hai que engadir as subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia na que os interesados aínda poden presentar as solicitudes pertinentes ata o 30 de outubro de 2013.