Galicia lidera o crecemento da cifra de viaxeiros na oferta regrada a nivel estatal
Preto do 70% dos establecementos aseguran manter ou mellorar as cifras de ocupación do verán pasado.
A comunidade galega rexistrou este verán unha media de ocupación hoteleira do 66,7% nos meses de xullo e agosto.
Á espera dos datos estatísticos do INE para o mes de agosto, segundo unha sondaxe realizada por Turismo de Galicia, a media de ocupación dos hoteis galegos en agosto foi do 74,21%.
A cifra de peregrinos rexistrada no mes de xullo superou nun 11,3% a de xullo de 2012 e a rexistrada en agosto foi un 13,7% superior que a de agosto de 2012.
A cifra de usuarios atendidos nas oficinas de Turismo da Xunta de Galicia superou nun 4,1% á rexistrada nos meses de xullo e agosto do ano pasado.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou en Santiago os datos de balance de ocupación do verán 2013 correspondentes aos meses de xullo e agosto. Á espera de que o Instituto Nacional de Estadística faga públicos os datos de ocupación hoteleira de agosto, Turismo de Galicia realizou unha sondaxe sobre a ocupación hoteleira en Galicia durante o mes de agosto. Segundo os datos recompilados, a ocupación media dos hoteis de Galicia en agosto segundo esta sondaxe foi do 74,21% no conxunto da comunidade. Tendo en conta os datos de ocupación dos meses de xullo e agosto, Galicia rexistrou unha media de ocupación nos hoteis galegos durante ese período estival do 66,7%.
A sondaxe realizada incluía unha consulta aos establecementos hoteleiros de Galicia sobre a valoración dos resultados do verán 2013 en comparación co verán do ano pasado. En termos de ocupación hoteleira, preto do 70% dos establecementos manteñen ou melloran as cifras de ocupación do verán 2012, segundo se desprende dos resultados da enquisa.
Segundo especificou, xa nos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística relativos á ocupación hoteleira e extrahoteleira de xullo en Galicia se apuntaba que en termos de viaxeiros Galicia liderou o crecemento a nivel estatal, rexistrando a porcentaxe de variación máis elevada. Tanto en termos de viaxeiros como de pernoitas nos establecementos hoteleiros, Galicia rexistrou o mellor comportamento da España Verde.
Nos establecementos hoteleiros galegos, as pernoitas dos turistas nacionais subiron en xullo un 2% e as dos internacionais un 12,4%. Por primeira vez no mes de xullo o turismo estranxeiro pasou a barreira dos cen mil viaxeiros e o peso do turismo internacional no conxunto da demanda acadou unha porcentaxe récord do 24%.
No relativo aos datos por provincias, Lugo foi a provincia galega que experimentou en xullo un crecemento máis notable no tocante ás pernoitas nos establecementos hoteleiros cun incremento do 12% a respecto de xullo de 2012. Na Coruña a cifra de pernoitas subiu un 4,4%; en Pontevedra, un 2,3%; e en Ourense, un 0,4%.
De igual modo, nalgunhas zonas ou puntos turísticos experimentáronse subas considerables na cifra de pernoitas, como na Mariña, cun 27% máis; en Santiago de Compostela, cun 14,9% máis; en Sanxenxo, cun 10% máis ou na cidade de Lugo, cun 11,8% máis.
Peregrinos de máis de 140 países
Nos meses de xullo e agosto, segundo os datos facilitados pola Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela, chegaron a Galicia peregrinos de máis de 140 países, entre eles, de Italia, Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Polonia, Reino Unido, Corea, Holanda, Bélxica, Canadá, Dinamarca, Australia ou Brasil foron os máis numerosos tras os españois.
A cifra de peregrinos que recolleron a Compostela no mes de xullo superou nun 11,3% a de xullo de 2012 e a rexistrada en agosto foi un 13,7% superior que a de agosto de 2012. De igual modo, as pernoitas na rede de albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo subiron un 2,3% en xullo e un 2,1% en agosto en comparación coas rexistradas nos meses de xullo e agosto de 2012.
Oficinas de Turismo de Galicia
Segundo os datos de afluencia ás oficinas de Turismo de Galicia no período estival medida a través de consultas presenciais realizadas nos meses de xullo e agosto, a cifra de usuarios atendidos medrou un 4,1% a respecto dos datos de xullo e agosto do ano pasado. Atendéronse 108.986 consultas.
Parque Nacional das Illas Atlánticas e Ribeira Sacra
Ademais da ocupación nos establecementos de aloxamento regrado, o balance doutros servizos turísticos como os catamaráns da Ribeira Sacra ou os servizos de navieras do Parque Nacional das Illas Atlánticas teñen acadado nestes dous meses resultados positivos.
Na Ribeira Sacra, os catamaráns privados de gran capacidade tiveron unha ocupación media do 84,41% neste verán. En total, 20.933 pasaxeiros gozaron en xullo e agosto das paisaxes da Ribeira Sacra. Os catamaráns privados con capacidade máxima para 15 pax que saen previa reserva foron contratados para transportar a 1.826 pasaxeiros nese período.
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no mes de agosto foi visitado por un total de 135.680 visitantes, dos que 124.912 pasaxeiros acudiron ao mesmo en navieiras e 10.768 en embarcacións privadas. Nos datos desagregados das navieiras cabe resaltar que Cíes é o arquipélago con maior demanda cun total de 92.429 pasaxeiros, seguido de Ons con 31.155 pasaxeiros e Sálvora e Cortegada tiveron unha afluencia de 857 e 471 visitantes respectivamente.
No acumulado do ano ata o 31 de agosto, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas rexistrou 297.312 visitantes, dos que 273.372 foron a través de navieras e os 23.940 restantes en embarcacións privadas.