11 set 2013

Esta fin de semana comeza o Outono Gastronómico nas casas de Turismo Rural de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a nova edición deste programa que combina a enogastronomía galega co turismo rural e que por primeira vez inclúe a posibilidade de contratar un Bono Agasallo Outono Gastronómico para regalar unha experiencia turística a familiares e amigos
Cento dezasete casas de turismo rural participan nesta promoción que ten por obxectivo dinamizar e favorecer a desestacionalización deste segmento durante os meses de outono
O Outono Gastronómico en Turismo Rural comeza o día 13 de setembro e remata o día 15 de decembro
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, dos presidentes de Fegatur, Cesáreo González Pardal, de Agarimo, Ventura García Fafián, da Asociación de Pazos de Galicia, Javier Goyanes Vilar e mais do secretario de Agatur, Joaquín Saavedra, presentou hoxe a 7ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia agrupa 117 casas de Turismo Rural en todas as provincias galegas. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que o programa que comeza esta fin de semana ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promocionar a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite desfrutar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.
Novidade do Bono Agasallo
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “o turismo rural galego é líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística, o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”. En Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade. Ao mesmo tempo, a directora de Turismo de Galicia resaltou que este ano, o Outono Gastronómico ofrece por primeira vez a posibilidade de regalar unha experiencia gastronómica e rural en Galicia a través do Bono Agasallo Outono Gastronómico. A través desta iniciativa, os usuarios teñen a posibilidade de celebrar un acontecemento ou ocasión regalando aos seus amigos ou familiares un bono para gozar dun Paquete do Outono Gastronómico.
Deste xeito, o convidado terá a posibilidade de escoller calquera das casas de turismo rural da guía editada con motivo desta promoción e decidir a estadía que prefira dentro dos tres meses de duración da campaña. Deste xeito, a persoa que regala o bono pode activalo chamando ao teléfono de Turismo de Galicia ou a través do correo cir.turgalicia@xunta.es para poder regalar esta experiencia.
117 establecementos participantes
Na edición 2013, o Outono Gastronómico en Turismo Rural conta coa participación de 117 establecementos galegos, 31 na provincia da Coruña; 29 en Lugo; 26 en Ourense e 31 en Pontevedra. Desde o 13 de setembro ata o 15 de decembro as casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:
-Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.
-Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
-A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.
Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos .
Mesmo prezo dende 2011
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, incidiu tamén no acto de presentación en que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantense para esta edición o mesmo prezo que nas dúas anteriores.
Para promocionar esta iniciativa elaboráronse 10 mil guías informativas (en galego e castelán) que están a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, nas oficinas de Turismo e nos campos de golf. Distribuíronse tamén máis de 500 carteis para a divulgación do programa.
De igual modo promocionarase en medios online e offline, así como a través das redes sociais. Realizaranse sorteos a través da radio e tamén en publicacións especializadas, así como en eventos como a Volta Ciclista a Andalucía BTM, que se celebrará entre o 10 e o 13 de outubro e na que se sortearán fins de semana para dúas persoas. Tamén a través do Facebook de Turismo de Galicia realizarase un concurso para sortear 15 Paquetes de Outono Gastronómico para dúas persoas.
Na web de Turismo de Galicia haberá un apartado específico de información e descargas sobre o programa. Nel, os usuarios poderán atopar información dos establecementos participantes, menús exclusivos, así como o teléfono de información e consultas.
Arriba