16 set 2013

O Grove celebrará a 50 edición da Festa do Marisco

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Grove e Miguel Ángel Pérez mantiveron un encontro cos medios de comunicación para avanzar as novidades da edición desta festa de exaltación gastronómica que se celebra do 4 ao 13 de outubro no Grove

A presentación incluíu un show-cooking que correu a cargo do cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal

Esta é a primeira edición da festa tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional
 

Presentación en Mdrid da 50 edición da Festa do marisco do Grove

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez presentaron en Madrid a nova edición da Festa do Marisco, que conta desde este mesmo ano coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional e que celebra a súa edición número 50.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou que a Festa do Marisco constitúe xa “unha bandeira promocional do concello do Grove e tamén de Galicia como destino gastronómico” porque a través deste evento promociónanse os recursos turísticos do concello pero tamén a gran calidade dos nosos produtos do mar.

Segundo dixo, a completa programación e oferta complementaria da festa contribúe tamén a dar a coñecer a zona e as potencialidades turísticas da mesma, así como a cultura e a tradición. Ao tempo, destacou a gran afluencia que cada ano rexistra o evento e a súa capacidade de atractivo para os mercados internacionais, dado que en cada edición aumenta a cifra de viaxeiros procedentes de países estranxeiros que se achegan ata O Grove con motivo deste acontecemento.

Nava Castro resaltou o feito de que O Grove conte cunha importante representación da cociña de vangarda e de alta calidade, “como acreditan a Estrella Michelín e os dous restaurantes con Soles Repsol cos que conta a localidade”. Ademais, incidiu nos distintivos de calidade da cociña galega, dado que 48 dos restaurantes de Galicia contan co distintivo Q de Calidade Turística.

De igual modo, resaltou algunhas das potencialidades turísticas da zona como o feito de que seis praias deste concello e mais un porto deportivo conten co distintivo de Bandeira Azul; ademais fixo fincapé en que O Grove forma parte do Destino SICTED Pontevedra-Rías Baixas; e resaltou os múltiples recursos naturais e paisaxísticos da zona ou algúns dos seus recursos culturais e etnográficos; a súa condición de destino óptimo para a práctica de deportes asociados á náutica así como a súa potencialidade como destino termal, de turismo de saúde e benestar –o Gran Hotel da Toxa figura entre os tres balnearios mellor valorados de España segundo o Observatorio do Termalismo-. Ao tempo, a directora de Turismo salientou o feito de que O Grove se enmarca tamén na tradición Xacobea de Galicia a través da Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla.

A presentación da edición número cincuenta da Festa do Marisco contou cun show-cooking a cargo do cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal, así como cunha pequena degustación de mariscos da Ría.
 

Arriba