Operadores turísticos nacionais e portugueses coñeceron a oferta turística das Rías Baixas
Os profesionais do turismo percorreron Sanxenxo, O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio e Pontevedra no marco dunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia en colaboración co Concello de Sanxenxo e co Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
Un grupo de dezasete operadores nacionais e portugueses coñeceron o in situ a oferta turística das Rías Baixas nunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia en colaboración co Concello de Sanxenxo e o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo para que estes profesionais do turismo poidan organizar futuras viaxes e paquetes turísticos a esta zona.
Na súa estadía, ademais da oferta turística de Sanxenxo no ámbito dos recursos e os servizos, os axentes de viaxes puideron coñecer a Illa da Toxa, O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Combarro e Pontevedra.
Unha vez aloxados en establecementos hoteleiros de Sanxenxo, os visitantes achegáronse ao porto deportivo da localidade e disfrutaron da gastronomía típica nun dos restaurantes desta vila turística.
Xuntanza de traballo
O grupo de operadores turísticos nacionais e portugueses trasladáronse á Illa da Toxa para manter unha xuntanza de traballo cos profesionais turísticos locais que ofreceron os seus servizos para a programación de futuras viaxes organizadas.
Logo, realizaron un paseo en barco pola Ría de Arousa partindo desde o peirao do Grove, para posteriormente trasladarse a Cambados, onde visitaron os puntos turísticos máis salientables desta vila mariñeira.
Tamén visitaron Vilagarcía de Arousa, para achegarse ao Pazo de Rubiáns e despois foron ata á praia da Lanza. Esta xornada de prospección turística pechouse en Sanxenxo, cunha cea espectáculo no Pazo do Revel.
Os operadores turísticos realizararon tamén ao día seguinte unha visita panorámica pola Ría de Pontevedra, con parada en Combarro e visita ao casco antigo da cidade de Pontevedra. Pola tarde, regresarán aos seus lugares de orixe.
Os axentes que visitaron Sanxenxo e parte das Rías Baixas pertencen ás compañías Viatges Sakkara-Kaluma Travel, Puerta Palma Tours, Barceló Viajes, Iberrusia, Ntk-Intourist SPB, Viajes Aircruising, Viajes Marsol, Mundo Abreu, Clik Viagems Abrantes, Avianca, Valinor-mundo luso, Talaria incentivos, Viajes Ecuador, Viajes Almeida, Grupo Europa, Travels Factory e Portugal tours.