27 set 2013

Turismo de Galicia anuncia a creación do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia

Turismo de Galicia poñerá en marcha esta iniciativa pioneira no sector turístico nacional co obxectivo de promover experiencias turísticas e produtos coa auga como eixo vertebrador.

Presentación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia

A Organización Mundial do Turismo escolleu este ano como lema para celebrar o Día Mundial do Turismo o seguinte: ‘Turismo e Auga: protexer o noso futuro común’. A celebración desta conmemoración anual coincide neste 2013 co Ano Internacional de Cooperación na Esfera da Auga, declarado por Nacións Unidas.

Con este motivo, Turismo de Galicia escolleu esta xornada de celebración do Día Mundial do Turismo dedicado á auga para anunciar a creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, “en Galicia a auga é un elemento endóxeno, isto é, un dos elementos con maiores potencialdiades para xerar experiencias turísticas singulares xerar novos fluxos e evitar a estacionalidade.

Co obxectivo de promover o desenvolvemento de experiencias turísticas singulares, xerar novos fluxos e evitar a estacionalidade constitúese este club que constitúe unha iniciativa pioneira no sector turístico nacional e cuxa finalidade é articular unha oferta atractiva de experiencias turísticas relacionadas coa auga, así como impulsar ao sector para mellorar o uso, consumo e aproveitamento do recurso para garantir a súa sostibilidade.Turismo de Galicia creará o marco conceptual e de requisitos do Club para a súa posta en marcha e desenvolvemento.

Segundo explicou Nava Castro, o club permitirá a coordinación entre os axentes; a participación activa e conxunta; a mellora da calidade; a aposta pola sostibilidade e a innovación e especialización no sector. “Con isto, crearase marca e ofreceranse productos especializados e adaptados a novas demandas e segmentos de demanda”, dixo. E engadiu que con isto conseguirase mellor capacitación, maior eficiencia na promoción e comercialización e mellor posicionamento.

De igual xeito destacou outras vantaxes como favorecer as relación comerciais entre os membros, comunicación entre entidades públicas e privadas e transferencia de coñecementos. Trátase dunha ferramenta de xestión eficiente do que poderán formar parte administracións, entidades ou empresas de deportes, turismo activo na auga, actividades culturais, gastronomía do mar e da auga, aloxamento ou intermediación turística.

Manual do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia

Turismo de Galicia elaborará un manual do club con criterios relacionados coa calidade na xestión, a sostibilidade, a eficiencia, as tipoloxías de actividades ou a dinámica de participación activa.

Algúns exemplos de produtos a desenvolver neste eido son experiencias turísticas sostibles relacionadas coa auga; campañas promocionais; deseño de proxectos comúns; fomento de actividades de recuperación de contornas ligadas á auga, etc.
 
Galicia, líder en crecemento de viaxeiros

A directora de Turismo de Galicia incidiu tamén na aposta por un sector que celebra o Día Mundial do Turismo 2013 con datos positivos para o Turismo en Galicia. “Lideramos o crecemento de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros a nivel nacional cun incremento do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia, do 13,4%”, matizou.

Arriba