Galicia acada en agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados superando o nivel do último Ano Santo
Segundo os datos de ocupación de establecementos extrahoteleiros galegos, os viaxeiros medraron un 5,1% e as pernoitas un 2% neste tipo de aloxamentos.
A cifra de viaxeiros aloxados en establecementos galegos en agosto subiu un 11,6% -a suba máis elevada dos últimos once anos- e o número de pernoitas subiu un 6,5%.
Só no mes de agosto, Galicia recibiu máis de 727 mil viaxeiros que realizaron 1.826.503 pernoitas en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros.
Nos meses de verán, a suba foi do 10,3% na cifra de viaxeiros e do 5% na cifra de pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, apartamentos turísticos, casas de turismo rural e cámpings.
Entre xaneiro e agosto deste ano, os viaxeiros aloxados en Galicia foron un 5% máis e as pernoitas rexistradas un 1,5% superiores ás contabilizadas no mesmo período do ano pasado.
No tocante á cifra de peregrinos que recolleron a Compostela, no que vai de ano chegaron 21.046 peregrinos máis que no mesmo período de 2012, un 12,5% máis.
Galicia rexistrou en agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados, superando incluso en algo máis de 1.000 aos computados no Ano Santo 2010. Porcentualmente, a suba é a máis elevada dos últimos once anos.
Galicia rexistrou no mes de agosto unha cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de 727.733, isto é, un 11,6% máis que os rexistrados no mesmo mes do ano pasado. Tamén as pernoitas experimentaron unha suba do 6,5%, con 1.826.503 pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings. Deste xeito, os establecementos extrahoteleiros galegos, cuxos datos fixo públicos onte o Instituto Nacional de Estadística, experimentaron unha suba na cifra de viaxeiros aloxados do 5,1%, e do 2% na cifra de pernoitas rexistradas a respecto de agosto de 2012.
A suba máis importante rexistrouse nos apartamentos turísticos, que incrementaron nun 16,4% a cifra de viaxeiros. Tamén as casas de turismo rural melloraron as súas cifras de viaxeiros cun ascenso na cifra global do 9,1% no conxunto da comunidade.
O mercado nacional medrou un 6,5% e o internacional un 8,4%, acadando o máximo de viaxeiros aloxados con case 160 mil no conxunto da comunidade e de pernoitas –superando as 300 mil- así como na estrutura da demanda en agosto supoñendo o 16,6% do total das pernoitas de aloxamento regrado.
Meses de verán
En xullo e agosto, os establecementos hoteleiros galegos rexistraran xa unha suba do 12,2% na cifra de viaxeiros e do 6,7% na cifra de pernoitas rexistradas. Pola súa banda, os establecementos extrahoteleiros de Galicia rexistraron nos meses de verán un incremento do 2,9% na cifra de viaxeiros aloxados e de case o 1% na cifra de pernoitas. No cómputo global dos establementos regrados galegos para os meses de verán, a cifra de viaxeiros medrou un 10,3, superando o millón douscentos mil -1.246.547- e medrou un 5% a cifra de pernoitas, con máis de tres millóns de noites.
Acumulado do ano
No acumulado anual de xaneiro a agosto Galicia lidera o crecemento da cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados. Tamén no que vai de ano o turismo internacional medrou un 12% na cifra de viaxeiros e un 8,4% na de pernoitas, acadando cotas do 24,1% do total de viaxeiros aloxados, nunca antes rexistradas. Este segmento supera por primeira vez a barreira dos 600 mil viaxeiros ata o mes de agosto.
Nos oito primeiros meses deste 2013, Galicia rexistrou unha suba de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 5,7%. Os viaxeiros aloxados en establecementos extrahoteleiros medraron un 0,2% e no cómputo global, a cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados de Galicia entre xaneiro e agosto deste ano medrou un 5% a respecto do mesmo período de 2012; e a cifra de pernoitas medrou un 1,5%.
Peregrinos que recolleron a Compostela
Do 1 de xaneiro ao 30 de setembro deste ano chegaron a Santiago 188.933 peregrinos, dos que o 49,28 % foron estranxeiros. No mesmo período do ano pasado chegaron 167.887 peregrinos que recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar.