02 out 2013

Turismo de Galicia aposta por Sanxenxo como destino de calidade e de oferta turística diferencial

A directora de Turismo de Galicia e a alcaldesa de Sanxenxo e presidenta de Turismo de Sanxenxo asinaron onte un convenio de colaboración para desenvolver actividades que fomenten o turismo nesa vila.
 
Sanxenxo experimentou un incremento importante dos seus niveis de demanda: superou nun 17% a cifra de viaxeiros aloxados en nun 15% o nivel de pernoitas rexistradas respecto do verán de 2012.
 
Sanxenxo liderou o mercado turístico de Galicia neste verán con algo máis de 330.000 pernoitas nos hoteis e pensións do municipio e representa o 15% do total de Galicia no período estival.
Momento da sintarua do convenio.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domíguez, e a alcaldesa de Sanxenxo e presidenta de Turismo de Sanxenxo, Catalina González Bea, asinaron onte na vila pontevedresa un acordo de colaboración co obxectivo de realizar actividades de fomento do turismo no territorio.
 
Co obxectivo de manter este posicionamento do destino e de incrementar as súas cifras de afluencia e satisfacción dos viaxeiros, o acordo asinado onte inclúe actuacións como:
-a edición de material promocional necesario para realizar accións de difusión.
-o reforzo do portal web do destino www.turismodesanxenxo.com.
-a posta en marcha de novas actuacións como Sanxenxo, degusta; que incluirá xornadas gastronómicas, degustacións e cheques agasallo, así como o programa Sanxenxo, degusta dulce.
-a implantación de paneis informativos interactivos dos principais recursos turísticos de Sanxenxo e outras plataformas dixitais para acceder a través das novas tecnoloxías e teléfonos intelixentes.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a finalidade é colaborar no desenvolvemento de actuacións específicas para “mellorar a calidade da experiencia turística dos viaxeiros que nos visitan, traballar da man do sector turístico, das entidades e organizacións e asociacións, para conseguir, entre todos, a excelencia turística da nosa comunidade”. “É por isto que hoxe estamos en Sanxenxo para asinar un acordo que contribúa a proxectar a imaxe turística deste concello como destino turístico de calidade e favorecer a sustentabilidade e a desestacionalización”, dixo.
 
De igual modo, Nava Castro incidiu no feito de que Sanxenxo é o municipio con máis Bandeiras Azuis de España nas praias e que conta tamén con distincións nos seus portos deportivos. Explicou que Sanxenxo é un municipio sostible e que aposta pola calidade.
“Non en van é Destino SICTED, un dos cinco que temos en Galicia e conta con 79 establecementos distinguidos e 26 adheridos”, matizou. Tamén recalcou a este respecto que o obxectivo é facer da Calidade Turística un elemento diferenciador do destino Galicia que nos identifique nos mercados nacionais e internacionais e que contribúa á dinamización turística do territorio e ao desenvolvemento do sector. “A calidade é xa unha necesidade para permanecer no complexo mercado turístico global”, dixo.
 
Nava Castro lembrou tamén que dende Turismo de Galicia se realizaron recentemente viaxes de familiarización para prensa e operadores turístico co obxectivo de dar a coñecer a oferta turística do concello e de contribuír á súa internacionalización e especialización por segmentos ou produtos turísticos. “Todas estas son actuacións que perseguen achegar ao público final a posibilidade de coñecer a oferta turística desagregada, con reclamos específicos para cada época do ano co obxectivo de diminuir a estacionalidade”, explicou.

Datos positivos en xullo e agosto

Tamén incidiu nos datos positivos rexistrados durante este verán, nos meses de xullo e agosto, Sanxenxo ten experimentado, segundo os datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia a través da Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE, un incremento importante dos seus niveis de demanda. Superouse nun 17% a cifra de viaxeiros aloxados en un 15% o nivel de pernoitas rexistradas a respecto do verán de 2012.
 
En termos de demanda, Sanxenxo liderou o mercado turístico de Galicia neste verán con algo máis de 330 mil pernoitas nos hoteis e pensións do municipio. Representa o 15% do total de Galicia no período estival. Ademais, Sanxenxo é o destino que presenta a estadía media máis elevada de Galicia, con 3,7 noites. O turismo nacional representa o 89% do total. Tanto o turismo nacional como o internacional superaron este verán os niveis de demanda do pasado ano. O nacional medrou un 15% e o internacional un 21,5%, no tocante ás pernoitas rexistradas. Este verán superouse en máis de oito puntos porcentuais a ocupación do pasado verán. Deste xeito, Sanxenxo é o destino galego no que a ocupación medra con maior intensidade.
 
Segundo os datos feitos públicos onte polo INE, os establecementos regrados galegos rexistraron neste agosto unha tendencia moi positiva na comunidade. Galicia rexistrou en agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados, superando incluso en algo máis de 1.000 aos computados no Ano Santo 2010. Porcentualmente, a suba é a máis elevada dos últimos once anos.
 
Segundo os datos de ocupación de establecementos extrahoteleiros galegos, os viaxeiros medraron un 5,1% e as pernoitas un 2% neste tipo de aloxamentos. A cifra de viaxeiros aloxados en establecementos galegos en agosto subiu un 11,6% -a suba máis elevada dos últimos once anos- e o número de pernoitas subiu un 6,5%. Só no mes de agosto, Galicia recibiu máis de 727 mil viaxeiros que realizaron 1.826.503 pernoitas en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros.
 
Nos meses de verán, a suba foi do 10,3% na cifra de viaxeiros e do 5% na cifra de pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, apartamentos turísticos, casas de turismo rural e cámpings. Entre xaneiro e agosto deste ano, os viaxeiros aloxados en Galicia foron un 5% máis e as pernoitas rexistradas un 1,5% superiores ás contabilizadas no mesmo período do ano pasado. No tocante á cifra de peregrinos que recolleron a Compostela, no que vai de ano chegaron 21.046 peregrinos máis que no mesmo período de 2012, un 12,5% máis.
Arriba