Turismo de Galicia presentou o logotipo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago deseñado polo artista Antón Lamazares
O artista explicou que a imaxe creada para a efeméride simboliza unha homenaxe ‘a todo o que acontece nas culturas de Europa’.
O logotipo creado nunha peza de cartón representa a austeridade franciscana e está escrito co ‘alfabeto Delfín’ creado polo artista e nel pode lerse ‘Asís 800 Compostela’.
En 2014 conmemórase a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. No día de San Francisco, 4 de outubro, Turismo de Galicia presentou o logotipo que acompañará o material promocional, gráfico e audiovisual deseñado para a conmemoración do oitavo centenario.
O logotipo, creado a partir dunha peza de cartón, representa a austeridade franciscana e está escrito co alfabeto creado polo artista denominado Alfabeto Delfín e inclúe a lenda ‘Asís 800 Compostela’ coa que se crea a marca para a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).
O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, que foi o encargado de pechar a presentación. Xesús Vázquez resaltou que o creador do logotipo “representa, como poucos, a Galicia máis culta e universal, a Galicia aberta ao mundo”. “É un orgullo e unha satisfacción que el sexa o creador desta imaxe coa que Galicia e Santiago pretenden dicirlle ao mundo que hai 800 anos que Francisco de Asís chegou a Compostela”.
A directora de Turismo, Nava Castro, e mais o artista-creador do logotipo, Antón Lamazares presentaron a nova imaxe que acompañará as accións enmarcadas na efeméride.
O artista creador da imaxe logotipo do Oitavo Centenario Antón Lamazares estudou no convento franciscano de Herbón. Lamazares estudou o universo de San Francisco e dedicoulle a súa serie Follente Bemil. Durante a presentación da imaxe-logotipo, Lamazares explicou que o logotipo simboliza unha homenaxe ás culturas de Europa. “A arte ten que vir ao corazón a través da intelixencia”, apuntou. E apuntou que “agarda que este Oitavo Centenario sexa un paso máis na construción da paz e de Europa”.
Nava Castro incidiu na relevancia de que un evento de alcance internacional e de primeiro nivel “conte cunha imaxe creada por un artista galego de primeiro nivel internacional, un embaixador desta terra que será un gran embaixador do VIII Centenario”.
Segundo explicou, a directora de Turismo de Galicia, durante a presentación, dende mediados deste mesmo ano, Galicia conmemora o oitavo centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. Os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago teñen a consideración de Acontecemento de Especial Interese Público e poden acollerse aos incentivos fiscais de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado.
Vense de constituír a finais do mes de setembro a Comisión Interadministrativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago. Esta comisión está formada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Turismo de Galicia é o órgano encargado de organizar e levar a cabo os programas aprobados pola Comisión Interadministrativa.
A programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís comezou o día 22 de agosto coa inauguración da exposición Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, no palacio Bonacquisti de Asís. Este gran proxecto expositivo, que pode visitarse ata o día 20 deste mes na cidade italiana, rexistrou na primeira semana de apertura unha media de cen visitantes ao día.
Con ela pode percorrerse a imaxe do mundo na época de San Francisco, pode estudarse a presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago e o legado do santo nas cidades da ruta a Compostela.
Pero ademais, os actos conmemorativos inclúen outras actuacións como unha peregrinación colectiva dende Asís a Santiago e numerosos congresos, eventos musicais e culturais, así como encontros vinculados coa temática xacobea. Onte mesmo, enmarcado neste programa presentamos ‘Cultura do Camiño’ –unha programación realizada en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais-, un ciclo de máis dun cento de actividades de teatro, música, circo ou maxia que dinamizarán culturalmente máis de corenta localidades situadas nos Camiños de Santiago.
O Primeiro Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo ou o gran Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas son algunhas das citas relevantes deste período en Santiago de Compostela.
Turista cultural en Galicia
Na súa intervención, Nava Castro explicou tamén que “a viaxe que ten a cultura como principal motivación é a escollida polo 56% dos turistas que visitan Galicia por razóns de lecer”. Esta cifra, sobe ao 65% no período estival.O 20,7% dos turistas que nos visitan teñen como motivación o noso patrimonio histórico e artístico e o 30,6% dos turistas estranxeiros que veñen escolleron o noso destino por motivos culturais.
“O patrimonio cultural, monumental, artístico, histórico, paisaxístico, natural ou literario que atesouran as Rutas Xacobeas constitúe o mellor reclamo para achegarse a Galicia durante a celebración deste VIII Centenario”, explicou a directora de Turismo.