Turismo de Galicia aposta pola segmentación e a adaptación ás demandas específicas do turista potencial para fomentar o turismo de saúde en Galicia
A directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención na presentación da Xornada Balnearios; turismo sénior e envellecemento activo que dende o seu departamento se traballa para adecuar a oferta turística do destino ás necesidades do viaxeiro e para ofrecer unha estadía con oferta diferenciada, exclusiva e de calidade. “O feito de traballar para potenciar aqueles segmentos que desenvolvan turisticamente o noso territorio repercutirá directamente na especialización do noso destino”, explicou. Segundo dixo, o sector turístico é unha realidade en constante movemento que se esforza por adaptarse aos cambios. “Os novos turistas demandan unha oferta á súa medida, e tamén é importante detectar os cambios que requiren aqueles segmentos xa consolidados para continuar a facer atractiva a nosa oferta”, explicou.
De igual modo, a directora de Turismo comentou que o sector termal en Galicia ten sabido readaptarse aos criterios de calidade, renovación e excelencia. Destacou a oferta termal da comunidade, que agrupa o 20% da oferta do Estado e que se distingue por liderar a calidade turística no sector termal, contando con maior número de distintivos.
Incidiu tamén na importancia de colaborar dende a Administración turística co sector que permite a posta en marcha de iniciativas como a xornada que hoxe se celebrou en Lugo e que afondan no coñecemento dun segmento moi importante para o turismo galego e que repercutirán no deseño dunha oferta turística máis adaptada e orientada aos nosos mercados potenciais.
Turismo sénior
Segundo explicou Nava Castro, para Turismo de Galicia, o turismo sénior conforma un nicho de mercado cuxa importancia é crecente. O feito de contar con oferta paquetizada e adaptada especificamente e distinguida pola súa calidade “sitúanos nunha posición privilexiada para atraer a un tipo de turista que supón unha oportunidade para Galicia, en termos de desestacionalización turística e en termos de prescrición de opinión, dado que a gran calidade da nosa oferta contribúe á fidelización ao destino”.
A xornada sobre turismo sénior que hoxe se celebrou en Lugo enmárcase dentro do programa de actividades organizadas no marco do convenio entre Turismo de Galicia e Balnegal. A colaboración incluíu ademais o desenvolvemento dunha viaxe de familiarización dirixida a representantes das principais asociacións españolas de persoas maiores. Esta acción promocional tivo como propósito amosar aos representantes das asociacións de persoas maiores a riqueza da oferta termal galega.