Turismo presentoulles o destino Galicia aos principais operadores turísticos arxentinos
Turismo de Galicia organizou un encontro de traballo co sector da comercialización turística arxentina con motivo da presentación do número especial da revista Cuisine & Vins que dedica un número especial a Galicia.
Turismo de Galicia desenvolveu en Arxentina unha acción promocional do destino Galicia dirixida aos principais operadores turísticos do país, nun acto organizado para presentar o número especial da revista Cuisine & Vins dedicado á Comunidade galega.
Nesta presentación, que tivo lugar na cidade de Bos Aires, abordáronse as oportunidades turísticas de Galicia e as posibilidades da Comunidade autónoma para a recepción de turistas arxentinos. O Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións, así como os principais produtos turísticos de Galicia relacionados coa costa, a gastronomía, o termalismo, o golf, o Turismo náutico, a natureza e a cultura, entre outros; protagonizaron o acto promocional.
Cuisine & Vins
Este evento desenvolveuse con motivo da presentación do número especial dedicado a Galicia da revista de gastronomía Cuisine & Vins, unha das máis prestixiosas do seu xénero na Arxentina. A publicación leva máis de 25 anos no mercado e está especializada na promoción e comercialización de produtos enogastronómicos no país austral.