Turismo promociona en Tokio a gastronomía e o enoturismo galego nunha presentación dirixida a prensa especializada, axentes e operadores de viaxes do país asiático
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, realizou unha presentación sobre o destino Galicia e algúns dos seus máis importantes atributos, como a enogastronomía, a natureza , o termalismo e o turismo cultural.
Na presentación, que se desenvolveu na emblemática Libraría Tsutaya, participou tamén a escritora Hiroko Fukumoto. O acto contou cun concerto a cargo do gaiteiro xaponés Yuki Kojima, así como unha degustación de viños con D.O. Rías Baixas e de produtos gastronómicos que xa se exportan a Xapón.
No marco da celebración do Ano Dual España-Xapón, Turismo de Galicia desenvolve estes días no país nipón unha serie de accións promocionais sobre o destino, entre elas a que tivo lugar na emblemática libraría Tsutaya que correu a cargo da directora de Turismo de Galicia. Ao tempo que contou coa presenza da escritora Hiroko Fukumoto e do asesor de viaxes de Tsutaya.
Nava Castro, incidiu especialmente na presentación nos aspectos culturais e patrimoniais vinculados ao destino Galicia. De igual modo, a natureza e a paisaxe como grandes reclamos do destino Galicia centraron boa parte da intervención da directora. Ademais de abordar aspectos fundamentais de Galicia como destino turístico, como a súa potencialidade termal, a relación coa auga como elemento endóxeno de aproveitamento turístico; a enogastronomía ou os Patrimonios da Humanidade declarados pola UNESCO que se poden visitar en Galicia.
Ademais, abordou aspectos vinculados coas Rutas Xacobeas así como co gran evento cultural que se vive en Galicia con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Ademais da presentación, o evento contou cun breve concerto a cargo do gaiteiro xaponés Yuki Kojima, así como unha degustación de viños con D. O. Rías Baixas e de produtos gastronómicos con venda en Xapón, como queixos, conservas e viños. A gastronomía constitúe xa un dos máis potentes reclamos para os turistas que visitan Galicia e existen numerosos produtos galegos que xa están á venda no país asiático. A degustación de produtos galegos de calidade complementou esta acción promocional na que participaron ademais de axentes de viaxes, operadores, prensa especializada, así como público xeral interesado no destino Galicia.
Exportación D.O.P. Rías Baixas a Xapón
Xapón é un dos países aos que a Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas exporta boa parte da súa produción vinícola. De feito, esta campaña, o volume de exportacións vinícolas cara o país nipón tense incrementado nun 26,5% con respecto á campaña anterior; isto implica que as 34 adegas que exportan produción a Xapón xeraron un volume de negocio de 500 mil euros exportando 80.000 litros.
Tras a inauguración do monolito conmemorativo do Ano Dual España Xapón o pasado mes de outubro no Monte do Gozo, o embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh realizou unha visita ás Rías Baixas para afondar no potencial enoturístico de Galicia e coñecer de preto o proceso de elaboración dos viños desta D.O. galega.