Turgalicia promociona o turismo de natureza na feira INTUR de Valladolid e o turismo de negocios na EIBTM de Barcelona
Entre os días 21 e 24 de novembro, Turismo de Galicia instalará un stand institucional para a promoción turística de Galicia de 168 metros cadrados no recinto de exposicións da cidade castelá.
Na EIBTM manteranse xuntanzas de traballo cos principais operadores especializados na organización de congresos.
Turismo de Galicia ten esta semana dúas novas citas con dúas das feiras de promoción e comercialización turística especializada máis importantes do calendario en España. Trátase da feira INTUR, que se celebra en Valladolid, e a EITBM, que terá lugar en Barcelona.
Deste xeito, Turismo de Galicia instalará na capital do Pisuerga, dentro do certame INTUR, un stand de 168 metros cadrados para a promoción e apoio á comercialización dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, o deporte, a cultura e a gastronomía.
INTUR celebra este ano a súa XVIII edición e continúa a ser un dos referentes nacionais para a promoción turística interior. Entre o seu público conta con moitos clientes turísticos de Galicia e persoas interesadas pola oferta da Comunidade galega.
O público de INTUR séntese especialmente atraído polo Camiño de Santiago, os espazos naturais de Galicia, a costa e o turismo rural.
Congresos
Por outra parte, entre os días 19 e 21 de novembro, Turismo de Galicia acudirá ao certame especializado na promoción e comercialización de congresos e reunións corporativas EIBTM, que terá lugar en Barcelona. Esta feira constitúe o principal evento de difusión para o sector turístico relacionado cos congresos, no que participan máis de 4.000 axentes nacionais e internacionais.
Así, un ano máis, Turismo de Galicia estará presente nesta feira cun mostrador que compartirá con: Santiago de Compostela Convention Bureau, Turismo da Coruña, Palexco, OPC Galicia, Abramar DMC, DMC Galicia e Helena Maseda.