21 dec 2013

Tres sedes en Compostela acollen a mostra ‘San Francisco e o Belén’ no marco do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A Capela do Pilar da Catedral de Santiago, as tullas do Mosteiro de San Martiño Pinario e mais a Igrexa de San Francisco son as sedes da exposición que recolle escenas do Nacemento de Xesús procedentes de países como Italia ou Austria, entre outros.


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a exposición, que contou co presenza do deán da Catedral, Segundo Pérez, e dun representante da cidade italiana de Rieti, Diego di Paolo.


A exposición, promovida por Turismo de Galicia, pode visitarse ata o día 2 de febreiro e inclúe pezas de artistas como Guido Reni ou Arturo Baltar e abarca un período expositivo que vai dende o Medievo ata o mundo contemporáneo.
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a exposición.

Dende onte e ata o vindeiro día 2 de febreiro, Santiago de Compostela acolle a mostra ‘San Francisco e o Belén’, que está dividida en tres sedes e que recolle diversas escenas do Nacemento de Xesús a través de obras que datan dende a época medieval ata a época contemporánea. A exposición, promovida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, enmárcase nas actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A exposición pode verse, ademais de na Capela da Catedral de Santiago, nas tullas do Mosteiro de San Martiño Pinario e mais na Igrexa de San Francisco. O acto inaugural da mostra estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e contou coa presenza do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez e mais do representante da cidade italiana de Rieti, Diego di Paolo, entre outras autoridades.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez explicou no acto inaugural da mostra que San Francisco de Asís deixou a súa fonda pegada na historia e tamén en Santiago de Compostela. Segundo comentou, ao santo atribúeselle a fundación do primeiro convento franciscano e o comezo da Orde Franciscana en Compostela. “A Orde realizou ao longo destes oito séculos dende a peregrinación do santo de Asís a Santiago unha relevante contribución ao feito de que Galicia sexa hoxe un destino de peregrinación mundial”, explicou Nava Castro.

Segundo explicou, a fe e a solidariedade, o respecto e a tolerancia son valores fundamentais na vida e na historia de San Francisco de Asís. A vida do fundador da Orde Franciscana conflúe co espírito da Ruta Xacobea e cos valores esenciais que continúan a impulsar as vidas dos milleiros de peregrinos que cada ano se axeonllan ante o altar do Apóstolo.

San Francisco e o Belén
San Francisco de Asís iniciou a reprodución dos nacementos entre os anos 1200 e 1226. A inspiración para realizar esta representación tivo lugar durante a súa oración na ermida de Greccio. O primeiro Belén vivinte da historia representouse nesta cidade italiana e constituíu un episodio de gran relevancia na vida do santo de Asís.

A idea de reproducir o nacemento do neno Xesús popularizouse de xeito moi rápido en todo o mundo cristián; andando o tempo comezou a facerse a través de figuras. Esta tradición que permanece ata os nosos días é o eixo central da exposición San Francisco e o Belén que inclúe pezas tan relevantes como os Beléns orixinarios do Santuario Francesco del Presepe di Greccio.

Algúns dos espazos sagrados da cidade acollen a recreación do nacemento de Xesús a través desta gran exposición. A Capela do Pilar desta Catedral compostelá, as tullas de San Martiño Pinario e a Igrexa de San Francisco serán as sedes que ata o día 2 de febreiro acollerán estas mostras na que se expoñen escenas de Nadal a través de obras galegas, doutros lugares de España, portuguesas, italianas, austríacas, flamencas ou americanas e incluso asiáticas. Algunhas delas atribuídas a figuras tan importantes como Guido Reni ou Arturo Baltar.

As pezas de gran importancia histórica e artística que o conforman constrúen un discurso expositivo no que se transmite a gran relevancia deste feito na historia e na vida de San Francisco e a súa fonda pegada na civilización actual.

Arriba