04 out 2013

Nava Castro aposta pola segmentación e a adaptación ás demandas específicas do turista potencial para fomentar o turismo de saúde en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar e mais o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia abriron hoxe no Balneario de Lugo a xornada ‘Balnearios: Turismo sénior e envellecemento activo’ que se enmarca nas accións do convenio de colaboración entre a Administración Turística e o sector termal. Nava Castro explicou a potencialidade do segmento turístico sénior para desestacionalizar o destino Galicia e tamén incidiu na aposta pola calidade que fai o sector termal galego e que ten convertido nun elemento diferenciador no mercado turístico global.

Nava Castro aposta pola segmentación e a adaptación ás demandas específicas do turista potencial para fomentar o turismo de saúde en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domíguez, inaugurou hoxe en Lugo a Xornada Balnearios: turismo sénior e envellecemento activo. No acto de apertura interviñeron tamén a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro; así como o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Antonio Garaloces.

Nava Castro aposta pola segmentación e a adaptación ás demandas específicas do turista potencial para fomentar o turismo de saúde en Galicia

A directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención a singularidade das termas romanas de Lugo así como a magnífica oferta cultural, gastronómica e paisaxística, ademais de termal coa que conta a cidade das murallas.

Explicou que dende o seu departamento se traballa para adecuar a oferta turística do destino ás necesidades do viaxeiro e para ofrecer unha estadía con oferta diferenciada, exclusiva e de calidade. “O feito de traballar para potenciar aqueles segmentos que desenvolvan turisticamente o noso territorio repercutirá directamente na especialización do noso destino”, explicou. Segundo dixo, o sector turístico é unha realidade en constante movemento que se esforza por adaptarse aos cambios. “Os novos turistas demandan unha oferta á súa medida, e tamén é importante detectar os cambios que requiren aqueles segmentos xa consolidados para continuar a facer atractiva a nosa oferta”, explicou.

De igual modo, a directora de Turismo comentou que o sector termal en Galicia ten sabido readaptarse aos criterios de calidade, renovación e excelencia. Destacou a oferta termal da comunidade, que agrupa o 20% da oferta do Estado e que se distingue por liderar a calidade turística no sector termal, contando con maior número de distintivos.

Incidiu tamén na importancia de colaborar dende a Administración turística co sector que permite a posta en marcha de iniciativas como a xornada que hoxe se celebrou en Lugo e que afondan no coñecemento dun segmento moi importante para o turismo galego e que repercutirán no deseño dunha oferta turística máis adaptada e orientada aos nosos mercados potenciais.

Turismo sénior
Segundo explicou Nava Castro, para Turismo de Galicia, o turismo sénior conforma un nicho de mercado cuxa importancia é crecente. O feito de contar con oferta paquetizada e adaptada especificametne e distinguida pola súa calidade “sitúanos nunha posición privilexiada para atraer a un tipo de turista que supón unha oportunidade para Galicia, en termos de desestacionalización turística e en termos de prescrición de opinión, dado que a gran calidade da nosa oferta contribúe á fidelización ao destino”.

A xornada sobre turismo sénior que hoxe se celebrou en Lugo enmárcase dentro do programa de actividades organizadas no marco do convenio entre Turismo de Galicia e Balnegal. A colaboración incluíu ademais o desenvolvemento dunha viaxe de familiarización dirixida a representantes das principais asociacións españolas de persoas maiores. Esta acción promocional tivo como propósito amosar aos representantes das asociacións de persoas maiores a riqueza da oferta termal galega.

Prevención da dependencia e envellecemento activo
Pola súa banda, a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, lembrou que “a aposta pola prevención da dependencia, o envellecemento activo e a participación dos nosos maiores en todas as facetas da vida son unha prioridade dentro das políticas sociais da Xunta de Galicia”.

Piñeiro indicou que Galicia dispón, por primeira vez, dunha Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia, unha ferramenta pioneira que contén preto de 400 medidas, encamiñadas a impedir, minimizar e retrasar a aparición ou o agravamento de situacións de dependencia.

Ademais, a secretaria xeral expuxo que o departamento autonómico está a desenvolver o Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, horizonte 2015, “un plan que engloba todos os ámbitos de actuación, protección e atención aos maiores e do que se teñen beneficiado 120.000 persoas ao ano”.

Así mesmo, a Consellería conta co programa de benestar en balnearios, que facilita ás persoas maiores a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal a prezos reducidos en balnearios emprazados en Galicia.

Na convocatoria deste ano ofertáronse máis de 600 prazas repartidas en 13 balnearios de toda Galicia para estadías de dez días e nove noites, destinadas a persoas maiores de 65 anos (ou 60 de reunir a condición de pensionista).

Arriba