25 out 2013

Turismo asinou hoxe co concello italiano de Rieti un acordo de colaboración para desenvolver accións conxuntas con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o alcalde de Rieti, Simone Petrangeli rubricaron hoxe o protocolo que inclúe accións como a organización de exposicións en colaboración e a promoción do Camiño de Santiago e o Cammino di Francesco. Máis de 15 mil peregrinos italianos recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino. Isto supón o 7,4% dos total de peregrinos que chegan a Santiago, sendo Italia o segundo país estranxeiro que máis peregrinos aporta. A cifra de peregrinos italianos incrementouse no que vai de ano un 26,62% a respecto do mesmo período do ano pasado.

Turismo asinou hoxe co concello italiano de Rieti un acordo de colaboración para desenvolver accións conxuntas con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago

No marco das accións incluídas nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o alcalde de Rieti, Simone Petrangeli asinaron hoxe un acordo no que se establecen accións colaborativas entre ambas administracións. De xeito que, en virtude do protocolo, Turismo de Galicia comprométese á produción da mostra Santiago Peregrinatio, cedendo temporalmente a mesma para a súa exposición en Rieti dentro do primeiro semestre do ano 2014.

Ao tempo, promoverá accións de difusión e promoción do Cammino di Francesco ao seu paso por Rieti.

Pola súa banda, o compromiso do Comune di Rieti pasa polo préstamo de 3 Beléns orixinarios do Santuario Francesco del Presepe di Greccio para a exposición organizada por Turismo de Galicia a través do Xacobeo Francisco e a memoria do neno Xesús: Belén e Escenas de Nadal na Cultura Barroca, que se celebrará en decembro deste mesmo ano.

De igual modo, Rieti cederá temporalmente a mostra fotográfica Cammino di Francesco con fotos de Stve Mc Curry para a súa exposición en Santiago no primeiro semestre do ano 2014. Ao tempo, promoverá a realización de accións promocionais do Camiño de Santiago.

Rieti
A cidade de Rieti atópase no centro de Italia e conserva santuarios franciscanos, entre os que destaca o Santuario Francescano de Presepe, o lugar onde se representou o primeiro nacemento vivinte e que está irmandado con Belén, en Palestina.

San Francisco de Asís, fundador da Orde Franciscana, foi o iniciador dos nacementos entre os anos 1200 e 1226. Na ermida de Greccio foi onde tivo a inspiración de reproducir en vivo o misterio do nacemento de Xesús.

Rieti conta con numerosos recursos da arquitectura civil e relixiosa asociados á vida do santo de Asís, como a Catedral, o Pazo Episcopal, a Igrexa de San Francisco, as capelas da Magdalena e San Miguel, o Sacro Speco, a fonte das Pombas ou a Igrexa de Santiago.

O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago
A directora de Turismo de Galicia recalcou que o VIII Centenario constitúe “un período extraordinario que se dedicará ao aniversario da memoria da viaxe de San francisco, pero fundamentalmente ao seu legado a nivel iconográfico e artístico e de patrimonio inmaterial”.

Ao tempo, lembrou outros acordos xa asinados no marco do VIII Centenario como o asinado co Ministro Xeral da Orde Franciscana; o asinado coa Organización Mundial do Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo, ou o rubricado co Concello de Asís.

A cidade de Xénova acolle agora a mostra comisariada por Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago Nel segno del Tau e della Conchiglia. Da Assisi a Santiago sulle orme de San Francesco, que está acompañada de outra exposición audiovisual titulada Os franciscanos e o bo xantar na terra do Apóstolo que centra a súa temática na produción vitivinícola galega vinculada ca situación dos conventos franciscanos e de clarisas.

Nava Castro destacou tamén a aposta de Galicia polo turismo cultural, así como no feito de que no que vai de ano, máis de 15 mil peregrinos italianos recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar. Isto supón o 7,4% dos total de peregrinos que chegan a Santiago, sendo Italia o segundo país estranxeiro que máis peregrinos aporta. A cifra de peregrinos italianos incrementouse no que vai de ano un 26,62% a respecto do mesmo período do ano pasado. 

Arriba