29 out 2013

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para as festas do San Martiño en Moaña e para o Belén Artesanal en Movemento de Valga

As festas cumpren os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia. Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 95 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa do San Martiño, en Moaña e o Belén Artesanal en Movemento, en Valga.

A proposta de declaración de festas de Galicia de interese turístico está ao abeiro do disposto no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico. De acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do citado Decreto 39/2001, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, e emitidos os preceptivos informes polas Delegacións Territoriais, reuniuse a comisión de valoración o 15 de outubro de 2013.

Na citada comisión valóranse as solicitudes presentadas de acordo cos requisitos de antigüidade mínima de dez anos, a súa singularidade e orixinalidade, así como o seu arraigamento popular e o seu valor cultural. Así mesmo, tivéronse en conta criterios como a afluencia de visitantes, calidade dos actos que configuren a celebración, a creatividade e o coidado dos contornos paisaxísticos, urbanos e monumentais.

A Festa de San Martiño, referencias históricas do século XII
En concreto, na Festa do San Martiño obsérvase que a celebración ten un fondo arraigamento, xa que existen referencias históricas dende o século XII no que se consagrou a igrexa ao redor da cal se procesiona.Trátase dunha das máis importantes festas de toda a península do Morrazo.

Por outra banda valórase o número de visitantes (5.000 por día) que forman parte desta festa, na que se engade ao valor relixioso, o feito de ser a recreación dunha festa de orixe rural e na que se levan a cabo distintas actividades como concertos musicais e actos culturais paralelos, tales como exposicións ou teatro, e todo isto nun concello cun amplo patrimonio cultural, etnográfico e turístico.

O Belén artesanal en movemento máis grande de Galicia
O Belén Artesanal en Movemento ten un carácter artesanal na súa confección, unha grande variedade de escenas nas que se recrean non só o Nacemento, senón tamén costumes e oficios representados por personaxes coñecidos da vila, persoeiros famosos e ilustres, que habitan unha paisaxe con distintos microclimas dentro dun espazo de enormes dimensións que o fan o máis grande de Galicia. Todos estes aspectos orixinais fan indubidable a súa singularidade que atrae a unha grande afluencia de público, así nas últimas edicións estimase unha afluencia de 40.000 persoas.

Outros elementos a ter en conta é o carácter popular e participativo desta festa, destacando o traballo, entusiasmo e dedicación de moitos veciños, así como o dobre valor cultural que posúe, por unha parte contribúe a manter a tradición belenista e por outra destaca a vertente formativa amosando oficios xa desaparecidos.

A declaración de festas de Galicia de interese turístico ten carácter indefinido. A declaración comportará a súa inscrición autonómica no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 95 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

Arriba